Actualidade: Carta do teólogo catalán Gonzáles Faus ao presidente do goberno


Escríbolle desde un desacordo coa actitude do Govern da Generalitat, e desde unha preocupación grande por todo o mal trato que están soportando nestes momentos os cataláns non independentistas. Creo importante dicir isto de entrada para que saiba que é desde aquí desde onde me sento obrigado a dicirlle que é vostede o responsable último de todas estas traxedias.

A vostede creo que lle falta razón, por mil razóns como estas:

– Pola súa negativa a abordar un problema político que realmente existe, procurando que llo resolvesen os xuíces, dando ao Tribunal Constitucional unhas atribucións penais que superan o seu carácter de arbitraxe e creando esa incrible e sucia “policía patriótica”.

– Tamén por esa coñecida máxima súa de que moitas veces “o mellor é non actuar”. Hai tempo escribinlle unha carta (que non creo lese) dicíndolle que o proverbio ese chinés de “sentarse á porta ata que vexas pasar o cadáver do teu inimigo”, non funciona sempre: a vostede funcionoulle cando o seu inimigo eran unhas esquerdas tantas veces divididas por chegar a confundir esquerdismo con egoísmo. Debo recoñecerlle que, ás veces, admirei a súa astucia neste punto. Pero non sempre vale ese proverbio;

– Tamén por tolerar que unha ministra do seu goberno (de Defensa para máis inri) dixese hai pouco aquí en Barcelona que ” la bravuconería separatista bajará los brazos dentro de poco”, deixando clara a pretensión de resolver o problema humillando a moitos cataláns e ignorando a Tertuliano (“o sangue de mártires é semente de novos cristiáns”), e que agora pode soar así: a humillación de cataláns é semente de novos independentistas. Como pode un político ser tan cego?

– Tamén porque, aínda que diga: “non me fagan chegar ata onde non quero chegar”, foi vostede o primeiro que se embarcou nesa ruta que leva a onde agora non querería chegar. Vostede que, sendo o gobernante que máis desigualdades creou entre os españois, apelaba precisamente a que “non podo tolerar desigualdades entre os españois”, para non afrontar o problema catalán…

Comprendo que, por todos eses e outros factores máis, atópase vostede agora nunha difícil situación de inferioridade: porque que creo percibir é que, agora, o interese da Generalitat é que ese 1 de outubro haxa máis policía, máis represións, máis detencións, máis pancadas se é posible… E que todo iso sexa visto no mundo enteiro. Co cal atópase vostede no peor dos dilemas: se non actúo, mal; se actúo, se cadra é peor…

Sei tamén que, aínda que non houbese nada o 1 de outubro, non por iso se resolverá nada: só se agrandou un problema que é xa grande de máis. E intento comprender tamén que se atopa vostede preso na vella contradición do seu partido, que pretendeu unir unha dereita que quere ser civilizada, cunha extrema dereita franquista e agresiva sen a cal non podería vostede de ningún xeito gañar ningunhas eleccións. Témome que esa unión un pouco contra natura rompeu agora e os refugallos cáenlle enriba.

Non teño nada contra vostede, e intento vivir unha espiritualidade centrada naquela máxima: “todo home é o meu irmán”. Desde o afán de vivir así (e aínda sentíndome lonxe desa meta) é desde onde me atrevo a dicirlle que faría vostede un gran favor ao país se tivese a coraxe de presentar a súa dimisión por deixar que as cousas chegasen a unha situación á que nunca deberon chegar.

*Extracto dun texto escrito dúas semanas antes do 1 de outubro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s