Crónica: VI ª Festa da Afirmación e da dignidade


No Pedregal de Irimia, chamados polas conciencias, na mañá de outono do sábado 23 entre raiolas de melura deu comezo o acto da FESTA DE AFIRMACIÓN E DE DIGNIDADE convocado pola Irmandade Manuel María e AC Xermolos ( coa colaboración do Concello de Meira).

Na Ara de honra a Prisciliano (obra feita por Xosé Val, Valdi, por desexo de Pepe Chao), leuse a intervención de quince voces o MANIFESTO DE IRIMIA da autoría de Baldomero Iglesias. “Aquí estamos nós, un ano máis, no Paraninfo da nosa esencia, querendo outear bandeiras azuis e brancas, mirar adiante corpo ergueito e co ollar no alto, co corazón posto no amplo horizonte, aventando porvir, para procurar ese destino que construíndo agardamos” (así comezaba).

Logo colleron a palabra o colectivo de presos na cadea Madialeva de Lugo que leron unha carta enviada por Antón Santos , seguiulles a Asociación ADEGA reivindicando un espazo natural respectuoso co Pedregal onde nace o Miño ( hoxe mal atendido, sen protección institucional e inzado de eucaliptos); tamén participou a xente do Colectivo Avelino Díaz quen leron poemas deste autor proposto desde xa hai anos para lle adicar o día das Letras Galegas.

A modo de mantedor actuou foi Rubén Aramburu, quen significou obras e merecementos, salientando vidas de exemplariedade, da premiada e do premiado. Logo entregáronse os galardóns “As mans de Irimia”. Manolo Pardo autor das dúas tallas en que consisten os premios, entregoullo a Herminia Estoa (representada por Práxedes, a súa irmá) e Mero fíxoo a Daniel López Muñoz. Arredor destes premios e nesta irmandade tomaron a palabra Práxedes e Daniel. Nas súas intervencións houbo dicires de grazas emocionadas polos recoñecementos asemade declaracións de entrega ao traballo desde a firmeza crente e militante na fe e no Pobo do Galego. Daniel, a maiores, salientou o que arestora era Irimia, a revista e a Asociación, definido todo como un colectivo nada mediático e si responsabilizado nas súas intencións e no traballo teimoso de divulgación arredor da revista, índose dos corporativismos e funcionamentos organizativos ao uso. Todas e todos en horizontalidade de palabra e de obras. Queren manterse sen etiquetas partidistas e así nesa liña fan tarefa na revista. Revista referencial, aberta e comunicativa.

Logo do xantar nos Cabanóns de Meira, na Praza do Concello, houbo actuacións musicais, por un lado a Banda do Concello de Meira, o Grupo de cantoras pandereteiras Nove Ferreñas, o gaiteiro nubeiro (como a el lle gusta o chamo) Raúl Galego e o cantor Francisco de Romualdo que nos fixo participar moi directamente nas súas cántigas de cego. Como peche da festa houbo un apartado “Per Catalunya” con intervencións de Adela Leiro, Xosé Lois García e Vitorino Prieto. “E así afirmámonos galegas e galegos en propiedade, donos do noso eido fundamental de existencia, e tamén deste amor que é Galicia, única Patria…” Así declaramos nun anaco do remate do Manifesto de Mero Iglesias.

Autor: David Otero

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s