Economía: Turismofilia e turismofobia


Economia.jpgPor primeira vez en moito tempo o turismo foi obxecto de debate. As filias e fobias, que tradicionalmente nos identifican en tantos e tantos eidos, trasladáronse tamén a un sector que parecía protexido de toda crítica. Nos últimos veráns xa comezaramos a decatarnos de que o acceso a certos lugares non podía ser indiscriminado. Primeiro, as Cíes; logo, entre outras, a praia das Catedrais, e a elas iranse sumando os distintos espazos nos que o reclamo supere a súa capacidade de acollida. Galicia non é orfa de lugares impactantes e sabemos que o turismo ten tanta capacidade para conservar o patrimonio como para destruílo. Non son poucos os lugares que están restaurados na actualidade grazas a que o turismo xustificaba que se gastase neles. O patrimonio cultural sempre tivo unha defensa relativa, e foron os posibles beneficios turísticos os que axudaron a aunar vontades en torno á necesidade de conservar e mellorar o noso patrimonio natural, arqueolóxico, arquitectónico e artístico. Daquela, viva o turismo que coida aquilo do que goza!

Pero o turismo tamén se desmanda, porque tamén está sometido ás leis da física, en especial ás relativas á capacidade dos lugares. Como irmandar o goce co coidado? Como protexer o camiño de Santiago dos seus usuarios? Como evitar que os autobuses e os coches rocen a Ribeira Sacra a machadas neumáticas? Como ocasionar o menor impacto posible nas dunas, fragas, lagoas e demais contornas naturais que necesitan repousar do turismo? O turista ten a falsa impresión de que o gasto que fai xustifica a desfeita que produce.

Necesitamos poñer límites ao turismo, como tamén precisamos nos adaptar a el. Incluso as cidades, como Santiago de Compostela, necesitan adecuarse a esa invasión pacífica que facilmente pode encarecer a vivenda e a propia bolsa da compra se non se reconduce.

O turismo está aí. Poucos inventos occidentais transformaron tanto o mundo coma o turismo. Todos queremos ver todo. Asómbranos ver outras culturas, outras paraxes e outras persoas. Estamos entregados con paixón a este planeta, a todo o que produce, crea e recrea. Queremos ver como rompe o mar contra outras costas; queremos gozar da variada comida que se cociña; queremos oír a música que se interpreta lonxe; queremos camiñar por lugares que embelecen a nosa mirada e gústanos ver como se vive noutros países. Convirá conciliar tanta paixón co coidado que merece o obxecto amado, porque da súa fraxilidade temos noticias a diario.

Autor: Pedro Pedrouzo Devesa

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s