DOMINGO 24 de setembro. XXV do Tempo Ordinario


1024px-2005-11_stempeluhrA PALABRA. Mt 20, 1-16

Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos: “Porque o Reino dos Ceos se parece a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles: “Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto.” Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. Mais aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles: “Mais, que facedes aquí, todo o día sen traballar?” Eles responderon: “É que ninguén nos contratou.” El díxolles entón: “Ide vós tamén á miña viña.” Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ao administrador: “Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.” Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, mais tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, murmuraban contra o propietario: “Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.” Mais el replicoulle a un deles: “Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non axustamos un denario? Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle ao último igual ca a ti, non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?” Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros, e os primeiros serán os últimos.”

A CLAVE. Marisa de Corme

Esta para min é a parábola das limitacións persoais. O dono da viña vai chamando ao longo do día a diferentes obreiros. Chámaos non segundo o horario da viña, senón no momento en que cada un deles está disposto para traballar. A lóxica capitalista non é así, claro. Na lóxica do capital temos que estar todos a traballar a primeira hora: cando a oficina abre, cando a fábrica arranca,… “O traballo non espera polos traballadores” dicía meu pai. Son os traballadores para a empresa e non ao revés.

Pero a lóxica de Xesús é ben distinta. Cada un deses traballadores chegou á viña cando o chamaron, cando puido, e fixo todo o que estaba na súa man para sacar adiante a vendima segundo as súas posibilidades. Xesús non conta as limitacións de cada un, pero nós ben podemos supoñelas… porque limitacións temos todos.

E si levamos a historieta a un plano espiritual, ben poderiamos pensar que Deus chama a cada un de nós a traballar na causa do Reino cando o noso corazón está preparado, maduro, nunca antes… E as veces actuamos como os traballadores da primeira hora: xulgamos os demais e non caemos na conta que a dispoñibilidade é un ben escaso, que non depende do moito ou pouco tempo que teñas, senón do maduro que cada un ten o corazón.

Hai quen traballa no Reino unha hora, ou dúas, e hai quen traballa con toda a súa vida. Esta é a xente imprescindible!!

O ECO. Olga Álvarez

Non sei se vos decatastes pero Xesús é o primeiro pensador da Renda Básica. Está claro neste anaquiño do evanxeo: uns traballan moito, bastante, algo, pouco, pero todos cobran un denario, o soldo mínimo interprofesional digamos, o necesario para vivir naquela época. Porque todos temos dereito a un teito, roupa, comida, sanidade, educación… e non hai traballo remunerado para todos e todas. Porque traballo si que hai, pero sen cobrar: todo o que se fai dentro das casas como limpeza, cociña, coidado de nenos e de enfermos…, e todo o que fan os voluntarios.

Imaxinade que un día dixeran: “Isto non o fago, que total non cobro”. Pararía o mundo. Entón, que tal se cobramos todas as persoas un “denario”, un soldo mínimo que non deixe que ninguén afogue na pobreza e esquecémonos de risgas, esmolas e demais?

Xa sei que algún dirá que é unha utopía, pero hai uns anos tiñamos no noso país sanidade universal e parecíanos do máis normal, cando é algo que non teñen nin nos Estados Unidos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s