O peto: Da memoria á esperanza. Pesqueiras


IMG_5027.JPG

O 13 de agosto presentamos o libro Da memoria á esperanza. Pesqueiras, do que son autor xuntamente cos veciños e veciñas da parroquia. Foi na igrexa románica de Pesqueiras, Chantada, somerxida no espazo privilexiado da Ribeira Sacra.

Os templos románicos son como unha parábola do que pode ser unha vida, unha comunidade cristiá.

Os templos románicos son sinxelos, sen excesos na súa planificación e alzado. Símbolo dunha persoa ou comunidade simple, nunca excesiva nin en palabras, nin en dogmas, transparente, sen simulacións que tanto danan as persoas e a convivencia entre nós. Un mundo sinxelo sería un mundo salvado, curado. Unha Igrexa sinxela, centrada no esencial, o Evanxeo, sería unha Igrexa salvada, curada e capaz, tamén, de curar.

Os templos románicos son recios, firmes, contundentes. Firme aposta pola construción da propia persoa, da comunidade cristiá, da comunidade civil. A proba de contrariedades, de derrotas. Coa firmeza que dá o Espírito, a comunidade. Sen chulerías, con humildade, compartindo afoutezas, e tamén debilidades, máis con feitos ca con palabras.

Os templos románicos comungan co medio no material que empregan (pedra e madeira), na sobria decoración que amosan (vexetal e animal, humana). Hai sacralidade dentro do templo nos misterios que alí se celebran, pero hai sacralidade tamén fóra do templo nesa natureza que na Ribeira Sacra clama ao ceo desde as fonduras ou desde as alturas, desde o impresionante silencio que todo o envolve, desde as concretas historias humanas que un sabe ou adiviña detrás do que ve e observa, cheas de traballo, de sufrimento, de bágoas, de derrotas, de esperanzas; e tamén desde os movementos sociais e políticos que loitaron por abrir camiños de dignidade. A sacralidade do templo –representada nas pedras e madeiras traballadas, axustadas– é maiormente unha sacralidade fixa, que se converte en doutrinas, ritos, cerimonias, obrigas, censuras, condenas, tamén en camiños de liberación e de alegría. A sacralidade do contorno –representada nos penedos de formas caprichosas e nas árbores que medran irmandadas aos seus pés– é unha sacralidade vital, que se desenvolve e se transforma, que non pauta nada, como non sexa a invitación á admiración, ao asombro, ao agradecemento, que ofrece vida de mil maneiras: nos acios de uvas, nas castañas que arrebolan polos soutos, nas cereixas, nos figos e béveras, nos avances históricos … O perigo do templo é anquilosar a sacralidade. O perigo do contorno é non decatarse dela e, polo tanto, ignorala, ignorando a riqueza do que leva nas mans.

O bo sería que ambas sacralidades entrasen en fonda comuñón. E nós con elas.

Autor: Manuel Regal Ledo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s