O trasno: Estamos pirrados


 

No 280 a.c o rei heleno Pirro librou a batalla de Heraclea contra a nacente Roma. Pirro foi o vencedor, usando impoñentes elefantes. Pero con tan devastador número de baixas que o tal Pirro sentenciou: “Outra vitoria coma esta e terei que volver soíño á miña casa”. Alguén no PP debe – ou debería- estar lamentando a famosa campaña contra aquel novo Estatut votado por todo o pobo catalán, incluído o boicot ao cava e outras envelenadas ocorrencias. O nacionalismo español extremista conseguiu unha vitoria pírrica contra o nacionalismo catalán razoable que procuraba un novo encaixe da nación catalá no Estado español. O elefante foi o Tribunal Constitucional.

A partir daquela todo se foi deixando, como procurando o peor dos escenarios. Esa proposta do PSOE dunha comisión plural de expertos -que estará capada de inicio se non participa o nacionalismo das nacións periféricas- tiña que estar agora presentando resultados, despois dunha cabal discusión de anos sobre a reforma constitucional. Pero non hai nada. Coma nun páramo cospedálico.

O nacionalismo catalán e as súas raíces teñen tantas diferenzas co galego como a súa historia e a nosa, como aquela burguesía industrial ilustrada, mediterránea e orgullosa e a nosa forza de traballo emigrante, mariñeira e campesiña. Coma o Liceu e a escalivada con cava fronte ás sardiñas á brasa na beiramar con pandeiras e regueifas. En Galicia a necesidade é aire, saír da foxa histórica, emerxer como pobo digno en igualdade. A ansia dun nacionalismo de raíz burguesa é o que é. A locomotora que desengancha os vagóns. Será outra vitoria pírrica unha independencia proclamada sen unha maioría social cualificada.

Rompendo tabús: Barcelona debería ser co-capital do Estado. As linguas cooficiais deberían estar presentes nos medios e, opcionalmente, nas escolas españolas. As empresas deben pagar os seus impostos no territorio no que producen e contaminan. As nacionalidades históricas deberían ter un status diferenciado, porque iso tamén está na Constitución: o invento do café descafeinado para todos esgotou o seu percorrido. Hai que poñer nome á diversidade, dotala de contido e autogoberno, porque ter lingua, identidade, características propias e, en consecuencia, vontade de ser nación non é nin unha bicoca nin un choio. É unha herdanza e unha tarefa (esgotadora por veces).

Autor: Daniel López Muñoz

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s