Crónica da XL Romaxe. Corenta anos de Romaxe: tempo de botar a vista… adiante!


Romaxe XL

Preparar un aniversario sempre resulta ilusionante. Un balconciño aberto a un ano máis, unha esperanza, un impulso nas vellas angueiras… Con ese degoiro comezamos xa hai meses a preparar a Romaxe corenta, ou XL: grande polo número, grande pola traxectoria, grande polas gañas de seguir a reencontarnos cada setembro corenta veces máis.

 O lugar, elixido a mantenta

Traervos a Vigo e elixir un sitio que volo mostrase espido fronte ao mar era obrigatorio. Porque somos industria, tráfico, comercio e présas. Pero tamén somos montes, regatos e mar. Beade cumpría ese requisito, pero non era o único sitio posible: o monte Alba, o de Coruxo, o Galiñeiro, o Vixiador, o monte dos Pozos… Vivimos nun castro rodeado de miradores dende os que ollar cara ao horizonte que revela sempre a silueta das Cíes, e non podíamos deixar de compartir iso convosco.

Moita xente colaborou e tamén moita lembramos

A Comunidade de montes de Beade foi hospitalaria, xenerosa e eficiente. Puxeron o que puideron á nosa disposición, e non foron os únicos. Portouse a Universidade ofrecendo un acubillo en caso de choiva, portouse a empresa que agasallou as xoubas da acollida, e o panadeiro, que, cando soubo que viñades, cortounos todo o pan… Quero decir que cada un deu o que tiña: o que moito, moito; e o que pouco, todo. Como os do Romualdo, que achegaron unha fin de semana na súa casa bendita de turismo rural… Non sabería dicir cantos grupos participaron da organización do encontro e son moi mala para os nomes, pero non esquecerei as caras: responsabilidade e ledicia, traballo e emoción, servizo e gratitude. Parece mentira que os ollos saiban dicir tanto sen falar.

A cousa é que despois de varios meses achegando grupos, persoas e vontades, aquí fostes chegando. Once e media e pandeiretas, cantares e xoubas compuxeron a acollida. Temiamos a choiva, pero non hai como mollarse para deixar de ter medo! E se non que llelo digan aos acampados de Abertal, que, recuperando unha vella tradición da Romaxe, pasaron a noite no monte, velando para que non chovese, chovese ou non. Case case puntuais, empezamos unha celebración preciosa, que nos foi levando de Romaxe en Romaxe. A verdade é que ir lembrando os lugares, os xantares, as fins de semana que ao longo destes anos fomos organizando arredor deste día cambioume un ánimo que empezou coa preocupación de que todo saíse ben e rematou coa ledicia de ter feito este camiño, tan cheo de apertas e saúdos. Agradecín moito o medallón, precioso, e o achuchón da paz, tan quentiño. Agradecín tamén a chamada á Comunidade, que logo celebramos coa Rumboia (que sería da Romaxe sen Rumboia??). E cando chegou o momento do berro seco, agradecín estar atrás, porque a estampa de todos co cu abaixado foi chulísima, todos á vez, tan cheos de enerxía. E entón pensei en Dani, en Paula, en Primo e en Lucas, en que era a súa primeira Romaxe e que o recordo do berro seco os vai levar a Sobrado o ano que vén.

Romaxe XL 2

Un encontro máis aló dos presentes

“Andaina de pobo e fe”: mira que deu traballiño escoller o lema, e mira que pagou a pena. A verdade é que a frase e o debuxo de Beti, da ría coas Cíes ao fondo, leváronme a pensar que o medallón era unha especie de homenaxe a Irimia, e a tanto irimego destes corenta anos, como os que coidadosamente gardaron a xerra da primeira celebración durante todo este tempo. Pensaría algún deles que iamos estar aquí tantísimos días despois? Berros, encontros, xerras, medallóns… Unha chea de sacramentos!

Coma sempre, non estivemos sós. Cada Romaxe é un encontro de xente amable, querida e solidaria. E non se pode ser solidario sen moverse e conmoverse. Moitos momentos deste día moveron a Romaxe a outros lugares: aos campos de refuxiados no berro seco, á actualidade que nos interpelou na celebración, aos fogares das vítimas de violencia machista, ás comunidades, ás nosas e ás que camiñan connosco… Cando rematou a celebración, fixeramos presentes a tantos e tantas que nese berro ecolóxico que Lucía enviou á terra parecemos moitos e moitas máis.

Tarde relaxada e oración

Xantamos a gusto, xa co sol no alto e sen rastro de chovisca. A verdade é que o sitio se prestou para a charla, ou iso me pareceu cando na sobremesa paseei polos diferentes grupos. Briscas, cafés, rifas, pandeiretas e algún aturuxo mentres ía chegando a hora de que Mini e Mero volvesen cantar. Este ano, Francisco do Romualdo subiu tamén á escena para tocar a zanfona, co seu lazarillo. Movéronnos tanto que acabamos o baile subidos ao palco, mira se a cousa foi festeira ou non!

E así fomos chegando á oración da tardiña, esta vez a cargo da Escola de Espiritualidade. Estivo moi ben que nos congregasen tan preto, non ter que movernos de alí. Senteime baixo unha árbore a espantar o cansanzo de pés, e a oración sorprendeume cunha invitación a escoitar o meu propio latexar. Había moito tempo que non me detiña a buscar o pulso! A oración foi un debullar agradecido que rematou cun momento de encontro con Xesús: “felices @s fament@s de pan e de xustiza: Deus halles dar fartura, repleta, ben cumprida”.

Romaxe XL 3

E recollemos, coa vista en Sobrado

Eran máis das seis e media e, despois de que a meirande parte de vós marchásedes, aquí aínda estiramos máis a tarde, porque mentres recolliamos, os cativos todos se resistían a baixar de Beade: o parque, os balóns, máis momentos de charla, as despedidas… Quitamos o derradeiro cartel de sinalización da Romaxe e esta vez case me entrou morriña, como á xente que cambia de década nos aniversarios. E mentres botaba por un minuto a vista atrás, caeume o folleto da Romaxe… Ao collelo toquei cos dedos as verbas da Esperanza na celebración: “A esperanza só se mantén con anacos de pan, con soños de mel, con apostas firmes, con sangue na pel”… E pensei que todo iso pasou hoxe na Romaxe… Por iso escollín este título para a crónica: tempo de botar a vista adiante!

Eu, a de Sobrado, non a perdo: teño curiosidade por ver como medra a oliveira que levaron no ramo. E apetéceme moito tamén volver visitar o mosteiro, que me trae recordos de moita tranquilidade… A ver se podo levar de novo a Lucas e a Dani. E a ver se Paula e Primo levan un amigo máis…

Autor: Mónica Otero Bouzada

Fotos: Mariña García Caballo

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica, Romaxe coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s