Entrevista a…. AGOS REIGOSA. O PODCAST é a radio do século XXI


00f0790.jpgLucense, nado en 1990, da  xeración que medrou cos módems telefónicos e as tarifas planas de internet de 12 horas. Graduado en ADE (porque o que vale, vale) e rematando un mestrado de Comunicación e Industrias Creativas, é un apaixoado das novas tecnoloxías e da comunicación, dous eidos case imposibles de separar.  

 

 

 

Como lle explicarías á xente que é un podcast?

Eu diríalles que pensaran nun programa de radio sen ataduras, sen unha duración determinada e dependencia de certas temáticas por audiencias. É o equivalente ao que foron os blogs no seu momento, unha forma de expresión para todo o mundo que non entende de audiencias, o que o fai un medio predominantemente amateur, pero tamén un moito máis lonxevo e moito máis diverso. Tentando resumilo nunha frase diría que o podcast é a radio do século XXI, un medio no que todo o mundo pode participar sendo un creador, e no que todo o mundo pode atopar a súa temática e ser ouvinte onde e cando o desexe.

O ÚNICO QUE PRECISAS É UN MÓBIL

Un podcast é un programa de radio a demanda, é dicir, que os ouvintes poden descargar automaticamente e escoitalo en calquera dispositivo que teña conexión a internet e que reproduza un arquivo mp3. Mais tamén se pode escoitar sen ter que descargar o mp3, ou descargando este para poder escoitalo cando non teñamos conexión.

Aínda que se poden escoitar podcast desde un computador, o máis común é escoitalos desde o teléfono móbil: un smartphone. Existen numerosas aplicacións que nos permiten subscribirnos aos podcast e escoitar os seus episodios. Para os smartphones de Android, as máis destacadas son Pocket Casts, Podcast Addict, Catbox ou iVoox. Para quen posúan móbiles de Apple, ademais da propia aplicación do sistema contamos con Overcast, Ucast ou Pocket Casts. É practicamente todas son de balde!

En que se diferencia da radio tradicional?

Como dicía antes penso que se poden sinalar dúas diferenzas principais, a primeira é o orzamento, que na maioría de casos é nulo, a segunda é a liberdade, que en todos os casos é absoluta. Isto non só permite que haxa podcast de calquera temática imaxinable, senón tamén que os haxa de calquera duración, periodicidade… É moi complicado que non haxa un que che encaixe.

Como e cando te metiches neste mundo?

O meu primeiro achegamento a este mundo foi no ano 2013, sempre fun unha persoa moi activa no que se refire a novos medios e en canto tiven oportunidade empecei a probar cousas no formato podcast. O primeiro que fixen foi A mazá sonora un programa que facía para completar o contido que achegaba ao blog A Maceira, centrado na temática Apple. A partir dese viñeron outros de diferentes temáticas.

Directorio de podcasts en galego
Directorio de podcasts en galego

En que consiste o teu podcast? Foi sempre sobre esta temática?

Actualmente en activo só teño un podcast, o Decote, que trata das temáticas que máis me gustan a min, tecnoloxía, videoxogos, series e películas principalmente. Cada día de luns a venres escollo un tema de actualidade e falo del dunha forma sinxela e apta para todo o mundo en racións que procuro que non sexan máis longas de 10 minutos. A idea é que todo o mundo poida seguir a actualidade sen grande empachos, aportando unha miguiña de opinión e experiencia persoal.

O Decote é un podcast curto sobre tecnoloxía, antes del estivo o Alt-P que era unha versión longa con entrevistas centrado na mesma temática, e aínda que anda algo parado agardo poder recuperalo. Antes diso estivo o podcast de Ganapán, unha programa sobre social media onde tratábamos temas relacionados coa empresa, e antes del estivo A mazá sonora.

Xunto ao podcast, tamén levas un blog http://podcast.altg.net/ Que aporta un ao outro?

O blog é a parte visible do podcast e do que fago na rede, a nivel básico é o sitio onde colgo cada novo episodio e as notas, o lugar de referencia para que os ouvintes atopen os enlaces que lle interesaron do que contei ese día. A un nivel un pouco máis avanzado podemos dicir que é a parte que un controla de todo o proceso, nin Podbean, que é onde subo o audio, nin iTunes, que é onde logo se indexa, están baixo o meu mando, pero o blog si e iso permíteme ter un control total sobre o que se mostra e como.

Blog de Agos Reigosa.
Blog de Agos Reigosa.

Dise que este ano é o ano do despegue dos podcast. Que situación está a vivir a actualidade o mundo dos podcast?

Todos os anos son o ano de despegue do podcast, pero dende o meu punto de vista téñense que dar moitos factores que aínda non están presentes para que isto sexa realidade. Un dos factores principais para que un novo medio despegue é que sexa rendible, ou polo menos que teña interese para os anunciantes. Polo de agora isto non vai pasar no mundo dos podcast porque ata o día de hoxe non atopamos nin tan sequera unha forma fiable, segura e aceptada por toda a comunidade de saber cantas escoitas ten un programa, de que duración, etc.

Todo isto non quere dicir que a situación non sexa boa, cada vez hai máis xente que se anima a crear programas e espallalos polo mundo, dous datos que dan fe disto son a inclusión dos podcast en Spotify e en Google Play, que ata o de agora non deran o paso, e a creación por parte de Prisa dunha plataforma en exclusiva para este medio. Se miramos para Galicia temos a iniciativa de Podgalego, un repositorio de podcast en galego, que medra practicamente todos os meses con novos e mellores programas.

O teu podcast está en galego. Que implica isto?

O meu podcast actual, e todos os anteriores, están na miña lingua, na lingua que se fala na miña casa e na que falo todos os días, polo que persoalmente non ten ningunha implicación. Evidentemente ao estar en galego os meus ouvintes están localizados na súa maioría en Galicia, o que me para min é unha vantaxe xa que todo está a tiro de pedra e compartimos moitas máis semellanzas que se foran de Madrid ou Murcia, penso que iso axuda a coñecer mellor á túa audiencia e polo tanto a estar máis preto do que lles interesa.

Seguramente xa che preguntarían isto moitas veces, mais se fixeses o podcast en castelán ou en inglés terías moitos máis ouvintes. Viviches a lingua de escolla coma unha limitación?

A verdade é que aínda que non sería un problema porque manexo ben as tres linguas, vexo facelo en castelán ou inglés máis unha complicación que unha vantaxe, pero entendo que isto tamén pode variar dependendo dos obxectivos de cada un. Entendo que quen queira chegar a un maior número de ouvintes ou chegar a facturar polo seu podcast tire polo inglés, con moita máis audiencia e unha ganancias por publicidade moito máis elevadas, pero salvo por ese motivo o único que faría mudando de idioma sería afastarme dos meus ouvintes e complicar moito a produción de cada programa. Co galego consigo o que quero, que é falar do que me gusta, como a min me gusta e coñecendo practicamente a toda a miña audiencia, se algún día non podo facer o que quero en galego buscarei outro idioma que mo permita, pero espero non chegar a ver ese día.

Que potencialidades ves para o galego no mundo dos podcast?

Penso que as posibilidades son moitas e están todas a nosa disposición. Un podcast non vai ser mellor por facelo nun idioma ou outro, vai ser mellor polo contido, a edición, as nosas dotes como presentadores ou buscando os mellores convidados. Se fas un bo programa, independentemente do idioma, da temática, da duración… a xente escoitarao. A podcasfera galega pese a ser moi nova xa ten grandes xoias e de seguro que pode ter moitísimas máis.

Ademais de facer un podcast diario, es un ouvinte de podcast? Cales escoitas habitualmente? Como os escoitas?

Si, escoito moitos e moi diferentes. De diario escoito Emilcar Daily e Mixx.io, que son sobre tecnoloxía; semanais Perspectiva sobre o eido empresarial, Binarios sobre tecnoloxía, e o MG Podcast e New Game Plus sobre videoxogos; quincenais Burán de temática variada, Metrópoles Delirantes sobre BD e o Sexto Grao que fala cunha persoa aleatoria cada programa; e mensuais ou de maior periodicidade O noso podcastLar  sobre tecnoloxía e movemento social, La Morsa era yo arquitectura, Hacía Falta sobre cultura geek, Guión Ausente, Error de Conexión

Escóitoos practicamente todos no móbil, mentres conduzo, fago deporte ou fago tarefas pola casa, pero tamén no ordenador mentres xogo ou traballo.

Que podcast recomendarías a alguén que quere comezar neste mundo?

Recomendar un podcast é unha das cousas máis complexas que existen, eu diríalle a alguén que quere comezar a escoitar podcast que busque un momento no día para facelo, mentres viaxa, vai a traballar ou un momento similar, que busque unha temática que lle poida interesar e que escoite un par de episodios de cada podcast que lle recomenden ata que atope un que lle guste. Cando o teña que escoite cando lle interese e que pase a outro cando non lle guste o contido dese programa, estou seguro que acabará atopando máis de un co que pasar un bo tempo. Pode comezar por algunha das miñas recomendacións, seguro que dende elas descubre moitas outras interesantes.

José A. Martínez

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s