Pingas de orballo: Avelino Pousa Antelo


avelino-pousa-antelo-mero-bandeira-republica-galega

AVELINO POUSA ANTELO

       “Moitos calan, mercenarios pasivos, pasmados, vendo pousar o aire nas ás dunha bolboreta.

O noso compromiso está na honra de ser, estando en pé e no orgullo de nós, esixindo o que é noso!”.

Avelino! Custa asumir, a pouco que miro para atrás, a aceptación da lembranza de Lucho do Peto, de Ave -o líder dos “Jabatos” (que era aquel primeiro grupo musical que formou nos anos en branco e negro) e O Avelino, o noso amigo, que se foi hai case un ano silandeiro polos eidos das nostalxias, por mor da idade, do tempo que nos lembra sermos caducos e efémeros, ese tempo común que esvae por entre o silencio.

Era o noso amigo, un home bo, importante en moitas facetas da vida e, sobre todo, na amizade entrañable das distancias curtas, cando botaba  man para transmitirnos non só palabras, senón os limpos sentimentos cargados de afectos e da honestidade para coa Matria, para connosco. Nesa distancia da Patria compartida, Avelino era feliz. Quería ser membro do noso grupo, A Quenlla, e así nolo facía saber. Quería cantar e dicir, quería intervir e amosar o seu inconformismo. Quería facelo canda nós. Honra sentiamos cando nolo dicía! Cantaba moi ben. Viña moitas veces tocando o tamboril, presentando e dando a coñecer pezas da nosa música que sempre nos ocupan. Era dos que escoitaban de primeira man as cancións que faciamos, e opinaba sobre delas. Tiñamos os mesmos espazos de pensamento, compartidos coa tribo, da que era patriarca, nesa atmosfera entrañable de encontros periódicos, da palabra, da afirmación, da música, das celebracións da memoria, dos contos, das festas e do licor café, do feliz sorriso… E cantaba, gustábanlle moito as jotas e as cantigas pícaras e de pouso verderolo, a súa ansia era unha constante mensaxe de esperanza que sostiña na loita diaria. Era unha dose de moral, posuía un programa vital libado no esforzo, alí onde a rebelión vence os fríos que nos queren adormentar e onde os sosegos nos invitan a reflexionar e medrar, ergueitos nesta Casa, neste espazo de fillos e herdo dos pais. Falaba dos tempos idos, das actividades que fixeran, das batallas que no pasado viviran, das experiencias que gardaron. Falaba de persoas e de amigos, de ausentes que loitaron toda a vida, de presentes que resistían. Máis alá das súas verbas, nos seus ollos, puidemos ler a verdadeira lección: non podemos deixarnos ir, hai que loitar todos os días por este mundo, non podemos perder o tempo en adobíos e discusións baleiras. Aí estamos, Avelino, agardando aínda. Cómpre merecer esta nosa Patria, este mundo de tantos ríos, de memoria, de primaveras. Aínda estamos agardando. Pero non nos enganemos, insistía, as primaveras hai que gañalas. Son moitas as que nos deben aínda e que debemos reclamar. Temos que vivir o presente mirándonos no pasado, gañando a memoria que nos reconforte para así poder abrir o futuro. Avanzando desde o esforzo de ser, sen deixar que nos escape ese porvir merecido, arriscando -se for preciso- ata avanzar na vontade de sermos quen somos, ese futuro soberano que tanto por nós agarda. Está aí nesa liberdade, a carón da dignidade, na certeza sublime de espertar dunha vez deste mal soño. Avelino estará sempre nas lembranzas máis fermosas e agradecidas, simpáticas e como referente, coa súa pucha, co seu sorriso, con ese orgullo de ser xustamente quen somos, nin máis nin menos.

Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero)

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Pingas de orballo coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s