O Trasno: Ramiro Pouso, meu amigo


Foi unha vidiña rexa, contra os elementos, co temporal sempre de proa. Fóisenos, fóiseme Ramiro, o meu mestre mariñeiro, amigo e patrón. Foise un tesouro deses que ten Galicia e que, inexplicablemente, poucos saben apreciar. Quizais porque, de tanto darse, non teñen prezo. Foise con el moito da grande aventura dos homes do mar de Galicia nos sesenta, nos setenta. Vaia por todos eles!

Mariñeiro e contramestre nos sete mares. Nos imposibles. Unha épica por contar. Foise con el a cartografía mental do fondo da ría do Son. Seco a seco, baixo a baixo, laxe a laxe. Todos os nomes. Os nomes todos. E foi un agasallo inmenso compartir a súa amizade, xunto coa de Filucha, compañeira e coidadora sempre. E todo grazas a Irimia. Só por iso xa pagaría a pena. Fixémoslle un enterro emocionados, conmocionadas. E lémoslle isto para dicirlle deica logo… e boa marea.

Daniel López Muñoz

 

As mans de Ramiro

Dicíalles aos rapaces:

“estas mans non son así de andar a tomar o sol”.

Porque non eran mans de bichicoma

eran cerna dura

curada

na salga do mar de Terranova,

abertas de picar o xeo imposible

dos mastros

dos estais

fendidas polo peixe frío

e as estachas

e as agullas que o vento

ceibaba nas Svalbard.

De pau de batea curada

eran as mans máis delicadas

para faceren as curas

nas chagas da velliña;

mans que sandan e suturan;

as que tecían, cosían,

e pasaban a roupiña;

que acariñan ao meniño;

mans que cociñan, de redeiro e coidador

da xente, da vida, do labor.

Mans rexas e tenras

as que levaban a caña

do Rocho

de Miñarsos e Basoñas,

por un mar de liberdade,

sen segredos nin perigos

“con Ramiro de patrón,

nin petón de Cotexido

nin laxe Papatimóns”.

Mans de amigo

de home xusto

patrón de forza e bondade

no silencio deste mar,

de mañanciña,

navegando nunha aperta infinita

e bondadosa,

ese xeito singular

que ten Deus de falar,

tan mainiño,

a lingua dos mariñeiros.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno, Uncategorized coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s