Onde vai a xente nova? Entrevista a Sergio Montero


Sergio Montero Pérez naceu en Santiago de Compostela cando estabamos estreando democracia. É unha boa mostra da fuga de cerebros, ou da exportación de coñecemento á que nos dedicamos en Galicia con probada eficacia. Evidentemente nunha economía baseada na construción e no turismo non teñen de momento moito encaixe os nosos científicos. Algo se debería facer ao respecto.

Onde vives e en que traballas?

Vivo e traballo en Stevenage, no condado de Hertfordshire, a uns 50 kms ao norte de Londres. Dedícome ao deseño de algoritmos e sistemas de telecomunicacións, e son especialista na capa física da telefonía móbil de 4ª e 5ª xeración.

Como foi o teu percorrido?

Antes de graduarme como enxeñeiro fixen moitas cousas para custear os meus gastos en Copenhague e Lund. Traballei nunha granxa de visóns, fun carteiro, camareiro, recepcionista… Foi unha etapa moi divertida na que coñecín a xente moi interesante, con moi bos recordos.

Xa como enxeñeiro, comecei a traballar para ST-Ericsson en Lund, Suecia, case dous anos no departamento de verificación de software. Despois tiven outra oferta dunha empresa chamada Aeroflex, agora Cobham Wireless, que me ofreceu a oportunidade de traballar no deseño de algoritmos de capa física. Xa levo aquí case 5 anos e estou contento.

Por que estudaches en Dinamarca e Suecia?

Por varios motivos. Sempre me gustaron os países escandinavos, a súa forma de vida, a cooperación social, a distribución da riqueza, a educación gratuíta e de calidade… Tamén, porque tiven a sorte de participar nun intercambio con estudantes daneses en 2º de B.U.P. Gustoume moito Dinamarca e comecei a darlle voltas á idea de vivir e estudar fóra. Quizais o factor máis importante foi a dureza dos estudos de enxeñeiro de telecomunicacións en Vigo. Daquela só aprobaban todo un 4% dos estudantes. Tiñamos que pasar os veráns e as vacacións estudando e aínda así nunca era abondo. Pensei que sería unha parvada perder os mellores anos da miña vida estudando días e noites sen ter un futuro claro e decidín facer algo diferente, algo que si me convencía de verdade.

Que diferenzas hai na forma do estudo entre estes países e o noso?

Xa levo moitos anos fóra e descoñezo a realidade actual, pero daquela a educación na facultade de Vigo era basicamente teórica, premiando os estudantes con maiores capacidades memorísticas. Non se fomentaban a innovación e a imaxinación, tan importantes para un enxeñeiro. Os problemas tiñan só unha solución e calquera cousa que saíse do guión non era válida. Non se aprobaba por coñecementos, aprobábase facendo centos de exames doutros anos a ver se caía un problema similar aos dos anos anteriores. Non teño moi bos recordos. Tamén coñecín bos mestres, pero non eran maioría.

En Escandinavia era totalmente diferente. Traballabamos en proxectos reais que moitas veces ían parar a empresas como Nokia, Anritsu, Volvo ou Ericsson. Premiábase a discusión e a imaxinación, sendo o resultado do problema o factor menos importante en todo o proceso educativo. Para iso tiñamos o Matlab, que nunca se trabuca! Faciamos presentacións diante de directivos de empresas e moitos de nós xa contábamos cun posto de traballo incluso antes de rematar a diplomatura.

Recordo proxectos prácticos nos que pasabamos horas e horas no laboratorio soldando os circuítos integrados, programando robots simples e traballando en equipo. Tamén lembro mestres quedando con nós fóra do seu horario laboral. Iso si que era educación!

A miña educación foi moi especializada e enfocada ás necesidades do momento nas telecomunicacións actuais. Penso que tan importante é ter coñecementos teórico-prácticos como saber para que, en que casos e con que motivos se poden usar eses coñecementos. Non hai que sabelo todo, nin tampouco se pretende, pero si hai que saber onde atopar a información e como usala se for preciso.

Que vai pasar co Brexit?

Os políticos fan cousas sen pensar, xa que os seus salarios nunca sofren polas decisións tomadas. Estamos a pasar dunha época na que a globalización e o libre mercado eran as inviolables formas de medrar sen límite, a un proteccionismo por parte dos estados ricos que se senten agora ameazados polas mesmas políticas e decisións que eles impuxeron aos países pobres. De aí, do sufrimento de moita xente, xorden fenómenos como Podemos ou Syriza, e en casos extremos, decisións coma o Brexit, a Francia de Le Pen ou os EEUU de Trump.

No caso do Brexit penso que sairán da unión, pero que non haberá grandes cambios con respecto ao que temos agora. Por desgraza, moita xente no Reino Unido está convencida de que a perda de calidade de vida no país é culpa dos estranxeiros, que ocupan traballos que deberan ser ocupados polos nacionais e traballan por moito menos diñeiro por hora. É a mesma historia que repite o PP no noso país, a mesma maneira de usar o medo para controlaren á poboación. Sempre é máis sinxelo culpar a outros, especialmente se son de fóra.

No meu caso non creo sexa nada relevante. Se as empresas pechan aquí haberá que ir para Alemaña, Suecia ou calquera outro país no que se continúe a traballar neste campo.

Tes a intención de volver a Galicia?

Gustaríame ser mestre de tecnoloxía ou informática nun futuro a medio prazo, pero non estou de acordo co sistema de funcionariado do país. Pode ser que algún día deixe os meus principios a un lado e me decida a opositar, pero polo de agora non estou convencido de que garantir o traballo a unha persoa sexa a mellor maneira de lograr bos profesionais. Unha vez máis observamos os mesmos erros que na educación, escollendo aos profesionais en base as súas capacidades memorísticas e non en base ás súas habilidades pedagóxicas, educativas, á súa experiencia profesional, etc.

Que é o máis importante na vida dun científico novo coma ti?

O máis importante para min sempre foi poder facer o que eu quería e custear os meus gastos co meu diñeiro, é dicir, ser independente. É certo que tiven a sorte de poder estudar e traballar ao mesmo tempo, cousa que por desgraza non se pode facer en moitos países.

É importante sentir que o que fas che reporta satisfacción. Traballas para vivires dignamente, para poder ter unha vivenda cómoda, un coche se o precisas, un can se o queres e ata unha bicicleta se así che vai mellor para ir ao traballo. Non é tan importante o número de cousas que poidas mercar, pero si que te sintas unha persoa digna co traballo que fas e contenta co que tes. En definitiva, para ser feliz non fai falla ter moito, pero si valorar o que se ten en cada momento da vida.

Sabela Núñez Singala

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Onde vai a xente nova? coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s