Editorial: Palas dos reis


A apertura do xuízo contra o actual alcalde de Palas de Rei e o seu antecesor por acoso á secretaria interventora municipal pode ser un exemplo da indefensión na que se encontran os funcionarios que non facilitan a xestión pública a certos políticos. Xa non digamos se denuncian a corrupción.

Se ao final quedan probadas, aínda que só sexa unha parte das acusacións admitidas a trámite no xuízo, evidenciarase que a presión política existe, que hai unha corrupción de baixa intensidade que funciona a base de acoso laboral. É a herdanza dunha caste especial de políticos, triunfadores, señores nos seus eidos, donos dunha leira ben choída na que repartir grazas e desgrazas de forma arbitraria.

Son demasiados os concellos que distan de poderen ser considerados como administración pública, ante a falta de transparencia. Son rexidos por un código de seu, un código que conta con numerosos beneficiados que facilmente toman parte a prol do acosador.

A administración pública fundaméntase na aplicación equitativa das normas, baseada en decisións obxectivas que non miran os nomes e apelidos dos beneficiados, senón a súa situación concreta.

O pulso existe. Por un lado o político, ávido de éxitos e seguidores. Por outro, o funcionario, que sabe que na xestión dos bens públicos tan importante é o que se fai, como a maneira de facelo. O político debe decidir que facer, debe orientar o gasto ás actuacións acordes coa súa ideoloxía e programa, xa que obtivo o maior respaldo. Pero aí remata a súa función. O funcionario debe executar as decisións políticas de acordo coa normativa vixente que, por sorte, está suficientemente desenvolvida para que na súa aplicación se garanta un mínimo de igualdade de trato, sexan subvencións, contratos, licenzas de obra ou reformas nas fochancas. Esa legalidade non sempre agrada ao político, aínda que sexan normas aprobadas polos seus compañeiros de partido.

A pregunta democrática que nos debemos facer é: Quen preferimos que goberne? Un tramposo que xoga no noso equipo ou un adversario ideolóxico que respecta as normas?

Son respectables as decisións do vencedor electoral. Pero os vencedores deben respectar o marco normativo, aínda que llelo teña que lembrar un funcionario incómodo. Antes demócratas ca militantes. Antes xustiza e dereito que comenencia e corruptela.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s