Entrevista con Anxo Ferreiro Currás: Memoria de don Francisco Ron Sánchez, sacerdote republicano


Rematando maio, ex alumnos do seminario de Vilanova de Lourenzá xuntáronse para homenaxear e lembrar a Francisco Ron.

A boa desculpa foi o libro Don Francisco Ron Sánchez, sacerdote republicano, do noso colaborador Anxo Ferreiro Currás. Con el conversamos sobre esta figura, que representa a moitos máis dos que parece.

 

Xa hai tempo que andas a pescudar neste tema que rompe co pensamento fácil…

Aí comezando este século empecei a estudar e investigar na nosa historia contemporánea. Concretamente, na igrexa no século vinte, especialmente no que toca a República e á Guerra Civil e ditadura. E vin que a II República non era o “demo”, nin tiña por dogma o ateísmo, nin o obxectivo era a persecución relixiosa. Non tiña, abofé, relixión de Estado, mais amparaba a liberdade de conciencia e de relixión, e o laicismo ben entendido era e é positivo.

Había carraxe contra o poder da xerarquía eclesiástica nos artigos da Constitución da II República?

Segundo analistas imparciais parece ser que si, é certo, faltou un pouco de tino político nesta carraxe contra a igrexa. Nesta loita contra a suposta carraxe destacou na tribuna das Cortes Basilio Álvarez e outros republicanos católicos convencidos. Emporiso, primou a liña da separación total da igrexa e Estado fartos da sacralización do poder da monarquía corrupta. Esa separación, coa intervención no ensino, culto e clero, cemiterios, matrimonio, ordes relixiosas, supuxeron nun primeiro momento un enfrontamento coa xerarquía, o clero e a dereita capitalista; tanto que houbo a necesidade da intervención do cardeal primado Vidal i Barraquer promovendo nunha pastoral asinada polo episcopado español que a Igrexa e todos os fieis teñen a obriga, aínda así, de obedecer ás autoridades lexitimamente constituídas.

Houbo curas que defenderon a República?

Ademais dese documento claro de Vidal i Barraquer, hai curas que colaboraron gustosos coa República. Logo veu o golpe militar e a xerarquía uniuse a estes golpistas e o cardeal Gomá, por encargo de Franco, proclamou outra pastoral, condenando a República e bendicindo a guerra como Santa Cruzada. E neste intre hai curas republicanos, na zona republicana, que ocuparon postos civís que axudaron a manter a orde evitando moitos asasinatos diante dunha violencia tremenda contra os golpistas. Hai estudos moi importantes de teólogos que rebaten punto por punto a xustificación de Gomá da Santa Cruzada e o apoio da xerarquía do golpe militar e da guerra. Coa derrota foron uns “paseados”, asasinados, en número considerábel; outros exiliados, e outros xulgados e sentenciados á pena capital (que non se cumpriu) e encarcerados. Aínda houbo outros, sobre todo relixiosos, exiliados á forza ou desterrados. Todo isto está estudado no libro Consejos de Guerra contra el Clero Vasco. Os golpistas e a Igrexa botáronlle á República a culpa da guerra Civil, mentira que perdurou até os nosos días, mais as investigacións chegaron á verdade: A república non nos levou á guerra civil, foi o golpe militar o que destruíu a República.

E en Galicia, houbo logo curas republicanos?

Claro que houbo. Don Andrés Ares Díaz, párroco de Xestoso, Don Matías Usero Torrente, sacerdote de Ferrol. Ambos os dous da diocese de Mondoñedo e asasinados. Matías, no cemiterio de Canido, o 20 de agosto do 36, e Andrés, no de Barallobre, o 3 de novembro. Estes feitos espallaron deseguida o terror para que calquera con ganas de obedecer ás autoridades republicanas desistise de inmediato. Desde logo houbo curas valentes, poucos, que, se non republicanos, defenderon con risco aos seus fregueses republicanos.

Tamén hai que engadir o noso famoso agrarista e defensor da República, Basilio Álvarez, “o abade de Beiro”. Exiliado, por consello de Castelao, puido acougar en Bos Aires onde defendeu a República cos seus famosos artigos no periódico Crítica, que recobrou unha tirada insospeitada. Este acougo foi removido polos enviados de Franco, e expulsado de Arxentina. Enfermo de hemiplexía morreu en Tampa, 15 de novembro de 1943, moi ben coidado no hospital español polos emigrantes galegos, moi fachendosos de teren alí ao seu admirado “abade de Beiro”. Unha irmá e cuñada de Higinio Martínez Freire ( Gino) coida a sepultura, todos os anos.

Don Francisco co seu bo amigo Ramón Ventoso, gandeiro republicano, represaliado. Foto de Images de Galice, de Josip Ciganovic, fotógrafo serbio.

E agora, soubemos doutro sacerdote republicano. Quen era don Francisco Ron?

A don Francisco Ron Sánchez coñeciámolo os alumnos que comezamos no seminario de Vilanova de Lourenzá a finais dos corenta, os cincuenta e principios dos sesenta. Foi monxe en San Clodio, Ourense, onde profesou de monxe co nome de Isidoro, e recibiu as ordes sacerdotais. Moi pronto pediu a exclaustración e veu vivir ao seu pobo querido coa súa familia. E aínda que todos lle tiñamos cariño e admiración, porque era un cacho de pan, a sorpresa de todos nós foi descubrir o seu compromiso como crego republicano, nunha familia republicana. A partir do golpe militar foi imputado do delito de rebelión con tres irmáns. Viviron agochados por medo aos “paseos”. En setembro de 1938 presentáronse ás autoridades golpistas. O Consello de Guerra foi sobresido e libráronse da condena por milagre. Se ben foi absolto polo civil, a exclaustración, o ter sido republicano e sufrir a represión franquista, tróuxolle o maltrato dos bispos, sobre todo de Mons. Arriba y Castro. Estivo sen cargo eclesiástico dende 1924 a 1956. Non consta que tivese nomeamento oficial diocesano como profesor de Historia Sagrada e Xeografía. Recuperou o aprecio da xerarquía mindoniense sobre todo co bispo de Argaya co nomeamento de coadxutor de Vilanova, e denantes xa fora encargado de San Xurxo. Esta memoria tan atractiva deste personaxe removeu de tal forma a moitos alumnos que en menos dun ano preparamos unha homenaxe onde presentamos o libro don Francisco Ron Sánchez, sacerdote republicano, unha ofrenda floral no cemiterio, un acto cultural no salón do concello e unha obra de teatro, A Lola, pola asociación de Avelaíña Teatro.

Sería necesario e xusto facer memoria dun republicanismo católico que está silenciado?

 Efectivamente. Mais a pregunta dá para outra longa entrevista. Creo, e concordo coa opinión de moitos cristiáns, que a Igrexa xerárquica vai por mal camiño ao renegar da República, da memoria histórica, beatificando só as súas vítimas, sen petición de perdón pola connivencia coa guerra e a ditadura. Lembro acotío as palabras do noso pastor, Miguel Anxo: “E a Igrexa española que tanto apoiou as forzas de Franco procure ser consciente das súas responsabilidades e pida perdón á sociedade española polo seu pecado público”. De todas formas isto como en todo debe comezar por abaixo para que cambien os de arriba.

Redacción

 

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s