Crónica: Os grupos de “Cremos no rural” celebran o San Cidre baixo o lema: a comunidade parroquial, tarefa común.


IMG_4901

O día 17de maio, día tamén das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares, os grupos de “CremosNoRural” celebramos o día do San Cidre, o día do mundo rural. Fixémolo este ano na parroquia de Cabrui, Mesía, onde se está levando a cabo unha importante experiencia de militancia cristiá e social ao redor da Asociación “A Raíña”. E así se foi desenvolvendo este día de festa.

Acollida

Os homes e mulleres do lugar acolléronnos agarimosamente e obsequiáronnos cos seus bicos e apertas e cun petisco de queixo e pan, nun xesto primeiro e elemental de comuñón que lles agradecemos de corazón. O tempo algo turbio invitaba a deixarse consolar por estes agarimos. Fomos chegando ata un número que andaría polas 400 persoas; viñamos de Campañó, de Portonovo, da Estrada, de Frades, de Bazar, de Rodeiro, de Cesuras, de Vilsantar, de Abadín, e, por suposto, de Mesía. Reencontrarnos, saudarnos foi un pracer. Todo estaba limpo e ben preparado para unha estadía feliz. Graciñas de corazón! Era polas 11 da mañá.

 Celebración

A partir das 12 empezou a celebración. Quixemos recoller e celebrar nela o traballo que durante este ano estivemos levando a cabo nos diferentes grupos de “CremosNoRural”, que consistiu en ir vendo como chegar a unhas comunidades cristiás vivas nas parroquias rurais na situación actual do campo, en xeral bastante apagada tanto no civil coma no relixioso. Tamén queriamos celebrar que a Asociación “A Raíña”, situada nesta comunidade de Cabrui, se facía cargo das instalacións da Escola Ecolóxica do concello veciño de Vilasantar, para levar a cabo unha prometedora experiencia social de formación e de apertura ao mundo laboral para persoas en situación precaria. Ao tempo, por suposto, non quixemos esquecer que estabamos celebrando o Día das Letras Galegas.

A celebración foi, coma case sempre, sinxela, leda, densa, cunha forte e sentida participación da xente normal do pobo nos diferentes momentos da mesma. Houbo tempo para acoller a xente asistente con bombas ecolóxicas, para escoitar a presentación que os veciños e veciñas do lugar facían de si mesmas e dos seus ideais presentes, para escoitar serenamente a Palabra de Deus, para pedir perdón, para facer ofrenda do traballo feito polos grupos de CremosNoRural. Neste momento tamén ofrendamos un dicionario galego e con el a figura de Carlos Casares, pero tamén a figura de todos os homes e mulleres de aldea que foron durante séculos os grandes soportes da nosa fala, os grandes creadores/as dela, os grandes sufridores/as tamén da mesma. Por certo, por este motivo comprometémonos a traballar para que, canto máis antes mellor, lle dediquemos o Día das Letras Galegas á literatura popular e a todos os homes e mulleres da terra e do mar, que con ela fixeron que a nosa fala durase tantos centos de primaveras.

Coa celebración puidemos gozar coa compaña de Xesús de Nazaré alentando e acompañando as nosas festas e loitas, facéndose pan e viño para o noso teimudo camiño.

IMG_4902

 Xantar e festa

 Ás dúas xa estabamos xantando animadamente na carpa que se instalara para tal fin, e que o mal tempo fixo imprescindible. O xantar, coma sempre, abundante e compartido, regado con cautela polo viño e tamén polo bo humor, pola camaradería, pola irmandade. Un detalle para non esquecer: poñer a carpa custara sobre mil euros. Informouse á xente diso e de que alguén pasaría recollendo o que cada quen quixese achegar. De alí a pouco agradecéronse as achegas de todos: xuntáranse por riba de mil euros. O concello implicárase colocando bancos e mesados, cousa que tamén se agradeceu.

A festa foi tamén popular cen por cen. O que sabía algo, tocar, cantar, contar un conto, subía ao escenario e compartía o seu bo ou mediano facer, que sempre era ben agradecido. Unha sobremesa espléndida, aínda que fóra seguise o mal tempo.

IMG_4904

 Inauguración da Escola Ecolóxica

Despois de xantar, trasladámonos ao veciño concello de Vilasantar; había poucos días que nun Pleno Municipal por unanimidade se lle concederan á Asociación “A Raíña” o uso temporal, gratuíto, das instalacións dunha Escola Ecolóxica de recente construción (2007), pero que estaba inactiva. Curiosa esta Asociación, que se marca dous obxectivos fundamentais: atoparse coma irmáns/ás para rezar a partir da Palabra de Deus, e revolver ceo e terra para abrir camiños de esperanza para a xente sen saídas. Alí puidemos escoitar o Alcalde de Vilasantar, a un representante da dita Asociación, ao seu promotor, o crego Víctor, todos tres para falar das razóns e das expectativas do que naquela hora botaba a andar; e tamén puidemos escoitar a Manolo Regal, que dun xeito breve e vivo presentou a carta encíclica do Papa Francisco Laudato si, que trata precisamente do coidado da casa común, é dicir, de ecoloxía. Rematou lembrando o dito do Xesús do Xeada, xa defunto, que nun grupo de estudo sobre a vida de Xesús de Nazaré, afirmou sisudamente: “Se fixésemos coma Cristo, viviriamos coma Deus”; para concluír tamén que, se tratásemos a casa común como o Papa nos suxire na súa carta, viviríamos coma Deus.

E con estas puxémoslle o ramo á nosa xornada. O rural, na vertente cívica e relixiosa, ofrece certamente moitos sinais de decaemento. Tamén nos regala cunha chea de agasallos, entre os que cabe contar esta celebración de hoxe e outras máis ou menos similares, e toda a vida e empeño que hai detrás. Contra todo prognóstico, temos futuro, temos mañá. Contra todo prognóstico, CremosNoRural.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Crónica coas etiquetas , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s