O Trasno: Trump, a hecatombe climática (entre outras) e a sabedoría da aldea


Aos que tivemos a enorme fortuna de participar no último encontro da rede Vivimos no Rural, nos Ancares, cando maio devalaba, acendéronsenos unha manchea de ideas.

Son encontros xeradores, encontros parteira. Serven para que nazan enfoques novos, mesmo, veredes, de ciencia ficción.

 Cando Isolina nos explicou como fora a súa vida naquela casa cuberta cun colmado de palla de trigo e centeo -iso que deron en chamar “palloza”, pero que eles chamaban “a nosa casa”; cando arredor da lareira, sentados nos escanos, escoitabamos ao cura de Rao, houbo varias revelacións, desas que consisten en descubrir a importancia do evidente. E unha desas evidencias é que naquelas casas, redondas e sostibles, concentrábanse ducias de habilidades e oficios que facían posible unha existencia humana e digna ás familias do Piornedo. Unha maneira de habitar que agora, fachendosamente, chaman de “enerxía cero”. E xa estaba inventada: non se gasta máis enerxía da que se xera. Sen residuos, sen pegada ecolóxica.

 Alí concéntranse os saberes básicos dunha autosuficiencia de calidade, requintada, de nivel. A comunidade autosuficiente. Saberes e achegas de carpintería, de cantería, de cesteiras e albardeiros, ferreiros e tecedoras, de cociña e labranza. De todo un pouco, pero de nota, porque os trísceles eran finos, a arquitectura perfecta para os medios dispoñibles e admirables os detalles todos. E soubéronos preservar íntegros como museo para os que veñen despois.

Museo? Ou se cadra escola de futuro? Porque vén agora Trump e di que ao clima e ao cambio ese “que lle dean!”. Pero a comunidade científica está moi preocupada polas consecuencias dese cambio. Porque non se trata duns trebonciños, vagas de calor ou dun adeus ao areal de Riazor. Fálase de irreprimibles movementos de poboación, guerra polos recursos hídricos, desgrazas naturais sen comparanza, violencia entre nacións.

E se a hecatombe se desata? E se hai que volver á autosuficiencia e á “enerxía cero” porque non hai outra? Onde imos reaprender os oficios e saberes básicos dunha autosuficiencia imprescindible? Como vivir despois do colapso de internet, da rede eléctrica e telefónica, da industria e do mercado… de todo o que nos fai dependentes e inútiles? Que sabe a xente nova do básico: criar animais, facer casas cos materiais dispoñibles, labrar a bidueira, fiar e tecer, cultivar o trigo e facer o pan…? Facemos a película?

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to O Trasno: Trump, a hecatombe climática (entre outras) e a sabedoría da aldea

  1. Pingback: Trasno: A orquestra do Titanic e o cambio climático | Asociación Irimia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s