DOMINGO 4 DE XUÑO. FESTA DE PENTECOSTE


porta tradicional marroquí

A PALABRA. Xn 20, 19-23

A CLAVE:  Recibide o Espírito Santo. Carme Soto

 O Eco. Christina Moreira

Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles: «Paz convosco.» Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez: «Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.» E dito isto alentou sobre eles, e díxolles: «Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos. Xn 20, 19-23

Este relato do evanxeo de Xoán ten unha serie de claves significativas que nos poden axudar a entender o proceso polo que pasou a primeira comunidade de discípulas e discípulos de Xesús ata ser capaces de crer na súa resurrección.

En primeiro lugar, atopamos a experiencia do medo (Xn 20, 19). Este sentimento evoca o vivido por aquelas persoas que contemplaban atónitos o final daquel profeta que lles devolvera a esperanza en Deus e na vida. O medo levounos/as a  encerrarse na casa e acougar na escuridade e no desalento. Pero apesares das “portas pechadas”, Xesús achégase ao seu carón e serena o seu animo dicíndolles: “A paz convosco”.

Nun segundo momento, o xesto de Xesús de lles mostrar as súas feridas, axúdalles a mirar de fronte a  experiencia traumática vivida e a empezar a entender o seu sentido. A ledicia comeza a iluminar os seus rostros (Xn 20, 20), pero aínda queda camiño por andar, por iso o mestre, de novo, dilles: “A paz convosco”, pois aínda teñen que deixar que de novo acougue nos seus corazóns, a confianza e a esperanza perdida e  se faga en eles memoria apaixonada os recordos e as ensinanzas compartidas polos camiños de Galilea.

Neste intre, Xesús resucitado pode invitalos/as a ser voceiros/as do Deus do Reino, a continuar a súa misión (Xn 20, 21). Agora comezan a entender que teñen que facer, pero o camiño non vai ser doado, teñen que desaprender moitas cousas, reconciliarse co pasado e perdoar o mal que lles ferira. O Espírito será o seu novo compañeiro, el lles axudará abrir as portas e a ser audaces.

Carme Soto. A clave.

Hai días que pesa o po dos anos e dos quilos. Pesa a incomprensión, a miña e a allea, intereseira ou pura limitación. Pesa o xuízo, todos os xuízos e até pesan os pensamentos, os recordos, bos malos e insípidos. Pesan tanto os consellos non solicitados e mais aínda o esforzo continuo por non dar unha mala contestación. E doen como maniotas até na alma as palabras reprimidas, as bagoas tragadas e os berros sufocados. Pesan as facturas por cobrar e por pagar, os pratos sen fregar amoreándose… que sei eu. Hai días que pesa todo e chegas ti, soprando alento tenro e fresco, maino respirar que latexa como raiola que atravesa a materia que se revela transparente, porosa, e inconsistente…. Entón é cando eu volvo a sentir o aire que me atravesa, tocando unha nova cantiga que me namora, en cada folla unha nota, vertendo arrecendo nas miñas polas e me envías lonxe, lonxe, tan lonxe como ti queiras. Respirar e quedar limpa e saber, saber de certo, que non son eu que todo es ti, que calar isto é mancar a quen non sabe que todo, rematadamente todo, é aire. Que a materia prima dos nosos pesares é aire, risa, amor tenro e vibrante. Saír aos camiños a berralo é unha obriga, aquí, neste chan, nesta hora precisa, con este pobo concreto. Que non fique ninguén sen sabelo, que non falte o perdón nas nosas mans e os nosos beizos. Ai de quen o cale… hai de quen conteña o amor e lle poña cancelas… Axiña, cómpre xa.

 Christina Moreira. O Eco.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s