Entrevista: Conversa con Miguel Braña, de Catro Ventos Editora


Miguel

Conversamos con Miguel Braña Montaña, tradutor e socio fundador de Catro Ventos Editora, unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, fundada en Vigo en 2016 e constituída por cinco persoas. Catro Ventos xurdiu da constatación de que existe un baleiro no mundo editorial galego nos eidos da economía social e da ecoloxía, malia ao interese cada vez maior da sociedade por estas cuestións. A ese feito hai que sumarlle o desexo de poderen desenvolver unha actividade profesional viable economicamente e, ao mesmo tempo, asentada sobre principios éticos, ambientais e sociais.

Botar a andar hoxe en día unha nova editorial en galego parece toda unha ousadía. Por que vos decidistes a facelo?

Son dous os motivos principais. Dunha banda, como consumidores, botabamos en falta poder ler libros sobre ecoloxía, economía social e consumo responsable na nosa lingua. O galego, tan decote unha lingua desprezada noutros contextos, é un idioma de prestixio no eido da economía alternativa e queriamos traducir títulos ao noso idioma sobre estas temáticas.

Por outro lado, este proxecto é un intento por desenvolver unha actividade profesional que non só sexa viable economicamente, senón tamén coherente cos principios éticos das persoas socias que participamos no proxecto. O aspecto económico é importante, pero non debería ser o único cando analizamos o valor dunha iniciativa (a miúdo, confundimos «valor» e «prezo»).

 Que temas son os que máis vos interesan?

Temos catro grandes liñas temáticas nas que queremos traballar: a economía social, a ecoloxía, o consumo responsable e a educación alternativa. Hai un quinto tema que consideramos transversal a todos estes; trátase dos dereitos humanos. Por suposto, cada un deles é moi amplo e, en realidade, acotío solápanse e sucede que algúns libros abordan varios deles simultaneamente.

Mercado da Arte 2017 - 9

Ademais do profesional, vese que detrás do voso traballo hai un forte compromiso persoal e social. Cales son os principios que vos moven?

Sen dúbida, esta é unha aposta persoal dos cinco socios que formamos Catro Ventos. Desde o primeiro momento tivemos claro que queriamos constituír unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro. Todos estes termos son importantes: a fórmula cooperativa garante a práctica dunha clara democracia interna (unha persoa, un voto) e a ausencia de lucro evidencia que o único que pretendemos é obter un salario digno polo noso traballo, calquera posible beneficio sería reinvestido no proxecto para aumentar o número de libros publicados ou para crear novos postos de traballo.

Por outra banda, cremos que isto senta unhas bases sólidas para cooperar tamén con outras entidades da economía solidaria e alternativa galega. Por iso Catro Ventos Editora é socia de REAS Galicia. Os principios que se defenden desde a Rede de Economía Alternativa e Solidaria son tamén os que nós practicamos: equidade, ambiente sustentable, condicións xustas de traballo, cooperación, economía sustentable e compromiso coa contorna. Especialmente valiosa é a ferramenta da «auditoría social», que permite valorar o rendemento dunha entidade tendo en conta unha combinación de aspectos económicos, sociais e ambientais.

 Tendes traducido ao galego xa varios títulos; con que criterios elixides as obras para traducir?

Na editora traballamos dúas persoas especializadas en deseño e marketing, e tres tradutoras. A escolla dos primeiros títulos fixémola entre todos, considerando que libros nos gustaría ler a nós como consumidoros. É certo, ademais, que os primeiros títulos son unha especie de declaración de principios.

O primeiro libro publicado titúlase Transición ecolóxica. Manual de uso. Os autores son Philippe Frémeaux (antigo director e colaborador da revista Alternatives économiques) e Aurore Lalucq e Wojtek Kalinowski (codirectores do laboratorio de ideas francés Institut Veblen). Nel abórdase a necesidade de cambiar de modelo económico para ser quen de afrontar o cambio climático e o esgotamento dos recursos. Unha análise rigorosa e asequible do Antropoceno e das claves para avanzar cara a unha sociedade sustentable.

Pouco despois tamén publicamos A ruta dos refuxiados, o único dos libros que, polo momento, non é unha tradución. Parecíanos importante tomar posición ante a gravísima situación que viven as persoas que tentan chegar a Europa fuxindo de diversos conflitos. Por iso colaboramos con catro fotoxornalistas (Unai Beroiz, Felipe Carnotto, Adrián Irago e Juan Teixeira) e un xornalista (Cristian López) para elaborar unha compilación de fotos en branco e negro coas que denunciar a súa experiencia na súa viaxe desde Lesbos (Grecia) a Calais (Francia).

Por último, tamén tivemos a oportunidade de colaborar con Karma Films para ofrecer o documental Demain (Mañá) con subtítulos en galego. Este afamado filme, dirixido por Ciryl Dion e Mélanie Laurent, recibiu un premio César ao mellor documental e ofrece numerosos testemuños de proxectos e persoas que en todo o mundo están a traballar por facer deste planeta un lugar mellor.

 Como é a aceptación que están a ter estes títulos en galego?

Tendo en conta que publicamos principalmente ensaios, que non é o xénero máis demandado, estamos moi contentos de como se está a recibir. Tanto as vendas como a recepción nas redes sociais e nos diferentes eventos que organizamos están a ser moi positivas.

 Limpeza Web

Da vosa última publicación, Limpeza Creativa, dicides que é un “manual práctico de ecoloxía doméstica”. Que podemos descubrir nel?

Hai só unhas semanas publicamos este novo libro. É a tradución da obra de Elisa Nicoli, unha documentarista, xornalista e educadora ambiental italiana. Nela ofrece receitas para elaborar produtos de limpeza (para a casa e para o corpo). Ademais de ensinar a facer estes produtos, tamén ofrece consellos e explica como avaliar se os produtos que atopamos nos comercios son realmente ecolóxicos. Por último, no libro tamén incluímos unha listaxe de produtores galegos que fabrican este tipo de produtos de forma artesanal.

 UxRhDuf8

E xa para rematar, onde podemos atopar e mercar os vosos traballos?

Todos os nosos títulos están dispoñibles na nosa páxina web: http://catroventos.gal. Ademais, pódense atopar na maioría das librarías galegas e tamén chegamos a acordos con varios puntos de venda «amigos» que comparten a nosa filosofía e ofrecen produtos ecolóxicos, artesanais e de proximidade (están enumerados na sección «Puntos de venda» da web). Tamén procuramos participar en eventos culturais e sociais como o Culturgal ou a recente Feira de Sementes de Leboso.

 Josecho Barca

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s