O trasno: Paz Lamela, we miss you


 

Foi ben guapo celebrar as Letras Galegas arredor de Carlos Casares, un contador de historias galego practicante, sen moitas máis etiquetas ca as de incansable traballador, home afable e lingüisticamente coherente, alguén que vivía e traballaba en galego.

Dicían os seus fillos que na súa casa o pai lles falaba galego e a nai, sueco. Esta afirmación, a un marciano -ou a un holandés, para non irmos tan lonxe-, podería parecerlles unha vulgaridade. Seríao, de feito, en calquera sitio. En Galicia é mesmo revolucionaria.

Que Galicia sexa a única nación peninsular na que decrecen os falantes en lingua propia, especialmente entre a xente nova, pode ter moitas orixes e causas, que os expertos non deixaron de analizar e repetir nese “gran día” no que os faladoiros falan da fala. Que se o prestixio, que se o ensino, que se os futbolistas, que se as empresas, que se os medios, que sei eu.

Por suposto. Pero a gran dimisión de responsabilidade, comeza na familia. E iso non ten que ver con “culpabilizar” a ninguén, senón co síntoma evidente de que o 85% (por dicir algo) dos galegos e galegas non se queren nin se gustan como galegos. Queren para os seus fillos outra cousa.

O Día das Letras ten algo de gran feira das mentiras. Ver a altos e altísimos cargos e cargas falar do idioma galego, as cousas que din, os requintados piropos… Que escándalo.

Pero se é máis simple! Moito máis: practicar. Antes de discursar, vai á túa casa e a ese meniño acabado de nacer fálalle galego desde o berce ou desde a caixa finlandesa. Sempre, como o máis normal, como cousa de teu, sincera, con agarimo pola raíz propia, non contra ninguén, si para sandar vellas feridas. E fálalle un galego coidado, benquerido, cultivado, reaprendido coa emoción dun namorado. Así de simple. Así de escandaloso.

Os fillos de Casares tamén dicían algo así como que despois, xa na escola e na vida, incorporaron o castelán como terceiro idioma. Madía leva! Outra revolución. Alguén honesto pensa que aquí e agora e por ben anos –con permiso de Trump e Kim Jong-un- o castelán corre perigo en Galicia?

Pois iso, que botamos de menos a inxenua chamada de Paz Lamela, aquela primeira directora xeral de política lingüística, con Xerardo Fernández Albor, si señor, mira ti, pero que cría na causa e que nos invitou a renunciar ao autoodio comezando na nosa intimidade. Esa segue a ser a proba do algodón.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s