Entrevista con Henrique Monteagudo: “Casares tivo un papel fundamental na Lei de Normalización Lingüística”


Monteagudo

Henrique Monteagudo é Doutor en Filoloxía Galega, Secretario de Real Academia, membro do Instituto da Lingua Galega, coordinador da Sección de Lingua e Literatura do Consello da Cultura e co-director da revista Grial. Foi amigo de Carlos Casares e acaba de publicar na editorial Galaxia un magnífico libro de divulgación sobre a vida e obra do escritor titulado Carlos Casares, un contador de historias.

Cal foi o papel de Carlos Casares na aprobación da Lei de Normalización Lingüística?

Foi fundamental no marco no primeiro Parlamento da Autonomía e dentro daquel pequeno grupo de catro galeguistas independentes elixidos nas listas do PSDG-PSOE. Eles déronlle o seu apoio ao primeiro presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, que era de dereitas, de Alianza Popular. Unha das contrapartidas a ese apoio foi a Lei de Normalización Lingüística, porque lles permitiu a estes parlamentarios, nomeadamente a Ramón Piñeiro, xogaren un papel mediador entre os grupos maioritarios da cámara. Se Piñeiro foi realmente o mentor desta Lei, Casares foi quen se ocupou da súa tramitación e mesmo da súa propia redacción.

Casares modernizou a Editorial Galaxia, que fixo coa Revista Grial?

El herdou a revista ao se cumprir os 100 números, 25 anos dunha revista que era unha referencia da resistencia cultural en Galicia. A altura do ano 1988, cando Casares se fai cargo da dirección, algunhas persoas pasamos a formar parte do consello de redacción, que se renovou completamente, e había que procurar unha revista distinta, darlle outra proxección. Nese momento os estudos universitarios alargáranse, había máis profesorado, máis público especializado e tiñamos que abrir ese camiño para unha revista de ensaio, de interese plural e para distinto tipo de lectores. Carlos Casares foi quen capitaneou esa singradura da revista.

Logo de publicar os seus primeiros libros dentro do movemento da Nova Narrativa, por que camiños seguiu a súa literatura?

El foi un innovador da narrativa galega e xa é un pouco posterior á Nova Narrativa. Soubo recoller achegas que estaban na literatura mundial naquel momento, penso por exemplo en Borges e nun libro coma Os escuros soños de Clío e tamén amosa unha grande madurez nos temas como o da Guerra Civil en Os mortos daquel verán. Nas últimas obras, por exemplo, Deus sentado nun sillón azul, que me parece a obra máis acabada del, esa reflexión sobre a memoria é moi daquel tempo. E O sol do verán é coma un presaxio de que ía ser unha obra póstuma.

Se tiveses que escoller con que obra te quedarías?

 Eu como novela, que é o xénero que máis domina e moi por riba dos escritores galegos coetáneos sen dúbida Deus sentado nun sillón azul; como libro de relatos Os escuros soños de Clío é un libro marabilloso e Un país de palabras como libro de ensaio.

Aldegunde Quiñones

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s