Xente d´eiquí: Entrevista a Alex Millet Alba, música no mar de Aguiño


Alex Millet1

Alex Millet Alba naceu en Aguiño (Ribeira), lugar emblemático para Irimia. Alí celebráronse tres Romaxes, de alí acoden cada ano un nutrido grupo de romeiros e romeiras e alí desenvolveu “Paco” (o cura) unha boa parte do seu labor pastoral. A pegada foi fonda e, para que non se perda, celebra alí cada ano a asociación Francisco Lorenzo Mariño (así se chamaba Paco) unhas xornadas culturais. Alex bebeu desas e doutras fontes que deron pulo a iniciativas veciñais e que seguen a criar tecido comunitario. Mozo de 18 anos, finalizando bacharelato e soñando cunha arriscada aposta por facerse un sitio como cantautor. Coa forza que dá a mocidade, cos estudos de 3º do grao profesional de violín e coa paixón musical que leva dentro, púxose á fronte da rondalla de Aguiño.

Apelídaste Millet, apelido francés…

Pois si, o meu apelido por esta zona sempre chamou a atención entre as persoas que me coñecen, os profesores do instituto… Disque nos temos que remontar ao ano 1808, que o meu antepasado era un dos soldados que Napoleón mandou para a ocupación, pero que non regresou ao seu país coa marcha de Xosé Bonaparte a Francia. Formou aquí a súa familia (en Carreira, parroquia testante con Aguiño) e de alí vimos todos os Millet que hai pola zona.

Tampouco é frecuente con 18 anos andar a dirixir una rondalla

A rondalla fúndase no 1983 por Camilo Rumbao, mestre do colexio público, que comezou a impartir clases de música de forma extraescolar a quince rapaces e rapazas de 4º de EXB. Decontado acadaron os 120 membros. Don Camilo pretendía sacar os rapaces das rúas facendo algo divertido e ao mesmo tempo aprendendo a valorar a música pois non existía cultura musical pola zona.

Como é isto dunha rondalla nunha vila mariñeira?

Para min é máis unha familia ca un grupo musical. As experiencias que compartimos tanto nos ensaios coma nos concertos só as entendemos nós. Hai moita variedade en gustos, ideas, e idades (dende nenos de 8 anos ata adultos de 45), persoas con familias, traballos, fillos… pero todos unidos por unha simple partitura que interpretamos entre risas todas as semanas, sempre quitando tempo de onde sexa.

Cantos sodes e que instrumentos tocades?

Somos arredor de trinta e tocamos bandurras, mandolinas, laúdes e as guitarras. Son todos instrumentos de pulso e púa menos a guitarra; nalgunha obra temos apoio dun violoncello, frauta traveseira ou piano.

Rondalla de Aguiño 2

Como chegas a dirixir a agrupación?

A agrupación estivo dez anos parada, ata que un día decidimos retomala chamando a antigos membros ( que acudiron sen pensalo dúas veces), e ao tempo demos entrada a xente nova aos que lles impartimos clases de solfexo e instrumento. Pero faltaba director. Daquela moitos dos membros animáronme a coller a batuta e con 16 anos empecei a dirixir.

Tedes local de ensaio?

O noso local de sempre é a Aula de Música de Aguiño. Don Camilo e algúns dos pais daquela movéranse para converter as ruínas do que ía ser unha praza de abastos nun conservatorio. Armaron un escenario e prepararon as divisións das aulas. Desde aquela segue sendo o conservatorio-auditorio de Aguiño, máis coñecido como Aula de Música.

Que música facedes?

Pois todo tipo de música: grandes compositores como Mozart, Bach, Strauss, Schubert, música de zarzuelas, pasodobres, pezas de Albéniz. Agora ocorréusenos facer un repertorio con música de cine que resultou unha novidade para as agrupacións coma esta. A verdade é que foi un acerto. Acabamos ofrecendo concertos por diferentes partes de Galicia e actualmente estamos esperando para gravar un disco con este repertorio de bandas sonoras, entre eles Titanic, La vita è bella, Pretty Woman, Mamma Mía…

Tedes algún tipo de apoio económico ou sodes completamente autónomos?

A rondalla esta ligada á asociación musical Albéniz, sen ánimo de lucro, que recibe subvencións tanto da Deputación como do Concello para cubrir os gastos de material, cordas, instrumentos, etc. Tamén percibimos ingresos das vodas e bautizos nos que participamos. Pero falta apoio e patrocinio. É algo que tratamos de solucionar dende a miña dirección.

Que significa a rondalla para as xentes de Aguiño?

Pois algo importante nunha vila mariñeira onde a única cultura musical que existía era a que se escoitaba pola radio. O feito de ter máis dun cento de rapaces aprendendo música foi algo moi bo tanto para a vila e para o concello, que acabou organizando a orquestra municipal de cámara apoiándose nos membros da rondalla e no seu creador, don Camilo. Moitas das persoas que nos anos 80 comezaron cun simple instrumento hoxe en día dedícanse profesionalmente á música, tanto impartindo clases coma tocando o violín e outros instrumentos en grandes orquestras do mundo.

Sentimos falar da música como espazo de integración social, valoración da comunidade, mesmo de terapia. Achega algo disto a vosa rondalla aos seus integrantes?

A música, ademais do goce que supón tocar un instrumento, tamén é unha forma de esquecer por completo os problemas, de concentrarte na obra e facela soar. Coido que é un elemento boísimo para a superar os nosos problemas.

Rondalla de Aguiño 3

Que actuación gardas especialmente na memoria, para ben ou para mal?

A maioría das actuacións que fixemos foron moi bonitas, pero dende que eu dirixo recordo unha moi especial tanto para min como para os membros. Foi en Allariz, en novembro do 2015, cando lle fixemos unha homenaxe ao noso fundador no seu pobo natal.

Como contemplas o seu futuro ?

A verdade é que nunca penso que pasará nun futuro, son moito de vivir o presente e o que teña que vir que veña. Pero espero que as novas xeracións continúen con este labor e que sigan gozando da música tanto coma nós.

Aguiño mantivo unha relación moi estreita con Irimia. Recibiches ti parte desa influencia?

Si, a verdade que dende que son pequeno recibín esta influencia xa que acudía todos os anos ás Romaxes de Crentes galegos. Dende a creación das Romaxes, Aguiño sempre estivo moi presente nelas pola influencia de don Francisco Lorenzo e don Andrés Torres Queiruga que convidaron o pobo a participar nesa festa que se celebra todos os anos, chegando a celebrar tres romaxes nestas parroquias.

Es mozo. Como observas o panorama da túa xeración?

Creo que en todas as xeracións batemos con todo tipo de persoas, pero concretamente na miña xeración existe un gran número de prexuízos e desprezos cara certos temas, e sobre todo á nosa lingua. Eu, como cantautor galego, podo ver diariamente desprezos ás miñas obras solo polo feito de estar na nosa lingua.

Difícil camiño, o de cantautor…

Ademais da rondalla é outra das miñas paixóns. Estou gravando un disco de meu na actualidade coas miñas cancións, tanto en galego coma en castelán. No disco presento unha obra dedicada ao meu pobo. Vai polas súas xentes e paisaxes, con todo o meu amor e cariño. Fago alí referencia indirecta a un dos lemas que don Paco tiña moi presente “Somos Pedras Vivas”. Pódeseme atopar facilmente nas redes sociais como Facebook ou Instagram.

Xosé Lois Vilar e Marta Sopeña

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s