O peto común


catedral-santiago-idiomas-620x349Quéixase o amigo e escritor Xosé Lois García, desde o xornal Sermos Galiza, que na Catedral de Santiago hai letreiros que informan das horas das misas en inglés, alemán, italiano, francés, castelán…, pero nada en galego: “Resulta indignante… Bestial! O clero xa dá por feito que o galego está nunha posición irrelevante e subordinada ao castelán. Certo, o castelán é o que alborexa en toda a liturxia.” Dou fe. Non só na liturxia, senón que vai desaparecendo de publicacións, comunicados, boletíns, catecismos…

O Día das Letras convócanos : En galego sen límites! Recordo algo que lin de Carlos Casares sobre o Padre Sarmiento: laiábase de que na Catedral de Santiago había curas que confesaban en distintos idiomas, pero ningún sabía falar galego (Sarmiento chámalles truchóns). E relata que unha moza dunha parroquia preto de Compostela foi confesar e acusouse de que gustaba moito de trebellar cos homes. O confesor, ignorante da nosa lingua, contestoulle que iso non era pecado senón todo o contrario e que trebellase canto quixese cos homes, mentres non fose en domingo e festas de gardar. A ben seguro que a rapaza marchou feliz e recomendoulle o confesor ás súas amizades.

Xa vedes, xente irimega, logo de case 300 anos desde o Padre Sarmiento, é posible que na Catedral o de andar trebellando por aí non sexa pecado, senón unha piadosa recomendación. Agora ben, respectando os festivos do Señor, que sempre é bo un descansiño.

Rubén Aramburu

1 comments

  1. Sinto decepcionarvos, pero si que existen carteis que avisan das misas en galego na catedral. Esa foto é tendenciosa porque é a da capela para a misa en Inglés. Os carteis que están en todas as entradas, e que avisan de tódas as misas na catedral, incluidas as misa en galego, podédelos ver visitando a catedral (que non vos queda tan lonxe coma Roma), de paso que faguedes “torismo” podedes aproveitar a ir a misa en galego. UMA APERTA.

Deixar un comentario