O Trasno: A afouteza de vivir en galego


Na visita do Manchester United a Vigo alguén tivo a boa idea de crear o lema I’m afouteza. Isto é –por se as flies- “Eu son afouteza”. O marinense Hugo Mallo, que foi en tempos recolle pelotas en Balaídos, agora capitán e símbolo deste celtiña europeo, nunha rolda de prensa dous días antes do encontro, fixo referencia a ese lema: “nesa palabra exprésase o que somos… afouteza”. Ben en realidade, cantemos claro, dixo: “en esa palabra se expresa lo que somos… afouteza”. 

Cadroume neses días consultar o dicionario da Real Academia Galega –dos poucos na rede, pero pobre e cativo, como demostraban Lidia e Valentina no último número- e, simplemente, dándolle en google “RAG”, aparecía a entrada principal, e debaixo, “dicionario”, e debaixo, “afouteza”. Ou sexa, que por primeira vez na historia da RAG houbo unha treboada de buscas no seu dicionario, estaba Freixanes que non o cría, e todas apuntando ao mesmo, querendo saber o significado da famosa e misteriosa “palabra gallega”. Hai quen xura que o mesmísimo Caballero, desde un cíber que hai en Urzaiz, pouco máis arriba do cruce coa travesía de Vigo, tecleou “afouteza” con disimulo, disfrazado de celtista con lentes de sol e pucha. A cousa foi viral. Máis en concreto no recadro de palabras máis buscadas da semana da páxina da RAG aparecían as seguintes: 1. Afouteza; 2ª cona (vaia, esta está sempre arriba); 3ª sabichón; 4ª dioiva e 5ª celta.

Produciuse o milagre da recuperación colectiva desa palabra, que denota valor, que implica ousadía e firmeza, que connota valentía, orgullo e, segundo os contextos, certo descaro, como o que tivo David contra Goliat, que tiña un orzamento dez veces maior que o do pequeno lanzador de pedras.

Pero as outras “palabras gallegas”, quedaron a velas vir, miñas xoias, e seguen nese limbo do esquecemento colectivo e sen moitas esperanzas, porque o Manchester non vén todas as semanas. Ou sexa que o que debiamos era rendibilizar ben esas visitas e non usalas só para quitar do armario e rehabilitar unha única palabra dese tesouro de letras e palabras propias que temos, pero cada vez menos, Feijoo e Caballero mediante. Por iso propoño para a seguinte visita do Chelsea ou do Arsenal, a seguinte entusiástica secuencia:

I’m afouto seareiro das Casitérites

con arneirón serodio nos varudos cotobelos

pra lle facer as deligras nas illargas

aos sorneantes hooligans das Británicas.

E recuperábamos media ducia dunha tacada.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s