Pingas de orballo: refuxiada, dona de nada


Foto pingas

Acordei daquela señora que enriba dunha manta non nos miraba. Escribín entre prosas e versos aquela sensación de perda tan enorme. Perderamos a irmandade. Ela pedía, baixo a porta da muralla milenaria do meu Lugo; era unha velliña. Non falaba, miraba a vida e nada dicía. Ás veces, a súa ollada inquiría buscando. Chegaba a nós, en forma de ollos esculcantes, os que nela reparabamos. A súa cara tiña aquela expresión esvaída, ríxida e sen ollada, case coma perdida. Sen ollos para aprenderse no pasado, colgados de ningunha ansia. Nin sequera para pousar no chan daquel sitio que ocupaba no paso imprescindible, camiño de ningures. Nin sequera reclamaba para si a atención dos que abeiraban dela. Estaba ausente de nós, de todo. Refuxiada na tolemia de non saberse. Non lle importaba o mundo, nin sequera a propia vida. Expulsada de todo, unha calquera, nada tiña de seu, tan só aquela ollada sen ollos e no baleiro do confín, perdida e cega, o remorso da pena que só ela coñecía e que a deixou muda en verbas e en saloucos. Estaba sen ledicias, cega non: cegada! Fondeada  nunha terrible ausencia de ser un ser humano sen documentos, ilegal. Quen sabe cantos silencios penou! Quen sabe deses fríos que cada noite remoen nas entrañas. Nada pide e nada espera, nada de nada! Vai levada, soa, esquencida, sen rostro, muda, xorda e deixada. Baixo o frío da mañá cruel de invernías, engurrada e vella, sentada no chan do desterro, coa soidade e as distancias. Alí está, ausente de nós, feita un fardo de naufraxios, sen estrelas e sen lúas, cuberta de mil farrapos, emigrada deste mundo que só se mide por noites, loitos e orfandades. Busca en si a culpa, sombra negra, entre soños, acordos e lembranzas nos bufarros dunha alma escarmentada. E non atopa, non atopa explicación ao que lle pasa, ao que nos pasa.

Pedía, baixo a porta da muralla milenaria, cunha voz estremecida, profunda e seca, como un canto esvaecido, dos que doen e nos queiman, dos que tanto nos abrasan. Entre salaios de queixas que da súa boca se escapan, na privación dun suspiro, un alento que alentara, tiña o seu rostro no chan a alí a ollada cravada. Non lle sentín dicir verbas, non sei que idioma falaba. Sen sangue nas veas do corpo, sen calor na nosa alma. Vai en fames sorprendida, derrotada en mil batallas, nun mar cheo de  miserias, océano de añoranzas. Tiña arruinado aquel espazo entre as tebras asombrada por un cheiro medoñento da súa cativa estancia, naquel mínimo recanto caída sobre unha manta, caída e desconsolada. Choraba sementando bágoas, no descoido dos que pasan, unha enorme lonxitude onde amortecer a pena que luz mesmo proxectaba. Ás veces, erguendo os ollos, cando ao alto ela miraba. Tan lonxe estaba de todo…, tan lonxe de todo estaba que as sombras que fai o sol calaban moi asustadas, tiraban cara a outro lado, disimulando aquel drama.

Algúns viraban a cara, sospeitosos e fantasmas, e outros baixan a vista porque a vergoña era  tanta que esculcaban ruíns recendos daquela pública estampa. Na acomodada moral, non cadra a cruel pegada. Pasan lixeiros sen ver, perdidos sen mirar, pasan. Todos seguen satisfeitos, nin sequera unha lástima. Xa non somos solidarios, cos de fóra ou cos da casa! A nosa vida volveuse gastos, recibos da banca, desastres dunha crise –din- os afectados das trampas.

Pedía baixo a porta da muralla milenaria. Ninguén lle dá unha fala, ninguén sabe o que lle pasa, ninguén repara nela, se ten dores ou está cansa. Pedía baixo a porta da muralla milenaria, que é patrimonio universal da humanidade e iso último é o que máis lle boto en falla, porque ninguén con ela tivo algo de amor ou bondade, nin sequera algunha mágoa. Da súa dor, da súa fada, da súa eterna desgraza. Sequera houbo unha man, unha soa para axudala nesta Humanidade que deixou de ser humana.

Pedía baixo a porta da muralla milanaria, a Porta que aínda lle din Toledana. Os inhumanos pasamos, illados nunha pantalla e mirando cara a outro lado. A ela e mais a min roubáronnos moito máis, leváronnos a esperanza!

Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero)

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Pingas de orballo coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s