“Meu pai cría que Galicia tiña que loitar pola lingua e a cultura”
Hakam Casares é doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, coordina o Observatorio da Cultura Galega e colabora co Instituto da Lingua Galega. É fillo de Carlos Casares e de Kristina Berg, e de aí vén o seu nome sueco. Nesta breve entrevista achéganos a algún dos aspectos máis salientables da vida e da obra do seu pai.
Que lugar ocupa Carlos Casares na Literatura Galega?
O meu pai ocupa un papel moi importante. Mal está que o diga eu, que son seu fillo, pero creo que é unha realidade. Empezou a escribir moi novo, nun momento no que se publicaba moi pouco en galego. O seu primeiro libro importante é de 1967, en plena ditadura e cando o galego era unha lingua que apenas tiña soporte no ámbito literario.
E sempre o acompañou o favor do público…
Si, foi dos primeiros que tivo un éxito importante cunha literatura que chegou a moita xente xa desde o comezo. Despois seguiu escribindo ata o ano 2002, o ano no que morreu, sempre con éxito de público. Foi durante moito tempo un dos escritores vivos que máis vendían en lingua galega.
Coa súa columna xornalística Á marxe tamén se fixo moi popular.
Tivo unha colaboración importante co mundo da prensa, tamén en galego. Fíxoo sobre todo a través de La Voz de Galicia, pero tamén publicou en La Región ou El País. Neses artigos achegábase aos lectores dun xeito moi accesible e propiciando que lesen en galego moitas persoas que non o farían se non fose na prensa.
Algunha preferencia dentro da súa obra narrativa?
Depende do tipo de público. Para nenos pequenos, A galiña azul ou os contos de Toribio serían moi axeitados; para adolescentes, Vento Ferido é moi interesante; pero para min, o libro que máis me gusta é O sol do verán. Non ten que ver tanto co contido senón co feito de que foi a novela que meu pai me pediu que lese antes de publicala. Eu tiña vinte e cinco anos naquela altura e foi moi pouco antes de morrer el. Tróuxoma á casa e pediume opinión. Iso a min produciume moito orgullo e é unha das razóns polas que teño unha querenza especial por esa obra.
Que clase de persoa era Carlos Casares?
Meu pai era un home moi tolerante, divertido e traballador. Era unha persoa preocupada polos demais, cunha conciencia de Galicia moi clara; un home galeguista, que cría que o noso país tiña que loitar pola súa lingua e pola súa cultura. Pensaba que era importante modernizarse e estar no mundo. Foi unha persoa extraordinaria en moitos aspectos.
Aldegunde Quiñones