Estamos en Pascua. Tempo de Resurrección. Resucitar é dar vida e dala en abundancia. Veño de ler un libro moi xeitoso, que ten unha forma de novela xuvenil, pero penso que paga a pena lelo en todas as idades. Trátase do libro Os nenos da varíola, da xornalista María Solar.
O libro trata dunha epopea pouco coñecida. A do grupo de nenos que, desde hospicios da Coruña e Santiago, levaron a vacina da varíola de brazo en brazo desde Galicia ata América para manter a cadea. Unha actividade coordinada polo doutor Balmis e o doutor Posse, coa axuda da encargada do hospicio, Isabel Zendal, que se converte nunha peza fundamental para levar adiante o proxecto.
A novela ten, amais da ficción propia de toda novela, unha gran documentación, e transmite moi ben o ambiente da época. Fronte a aqueles que vían na vacina e no medio de transportala toda unha serie de medos, vemos a mentalidade ilustrada duns cantos heroes con ollos abertos.
Gran descoñecida, esta historia duns heroes case anónimos. Todos os pobos teñen a súa grande epopea. Eu propoño que os galegos e galegas teñamos esta. A dun grupo de nenos da marxinación que levan vida ao outro lado do mundo. A duns médicos que loitan contra a incultura e o escurantismo. É unha historia épica que non se basea na morte nin na guerra. É unha narración baseada en dar vida e dala en abundancia. Grazas a eles, a varíola está desaparecida do mundo. Resurrección a esgalla.
Xan Guillén