Crónica: Asemblea de Crentes 2017


IMG-20170422-WA0000

 

 

 

 

 

 

 

 

Da desfeita global a outras formas de facer

ASEMBLEA CRENTES GALEGAS/OS

 Nun excelso e primaveral día, que invita a celebrar o compartir, sentiuse a entrañable amizade e sincero cariño que ao longo de máis de trinta anos se foi forxando entre as compañeiras/os que formamos a Coordinadora de Crentes. Fomos chegando ao Castiñeiriño, desde diferentes currunchos e por sendeiros diferentes, para amosando a nosa cordialidade, continuar sensibilizándonos na problemática que nos vén enriba, pero tamén enchéndonos de azos esperanzadores, cos quefaceres e modelos a seguir, expostos polas compañeiras/os da “Mesa Redonda”.

Despois da agradable visión, ollando a florida e ben aderezada sala, coas apertas, bicos e agarimosos saúdos, Alfonso Mascuñana, fai unha concisa configuración das tarefas da Coordinadora; acto seguido, presenta ao profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, Gonzalo Rodríguez.

IMG-20170422-WA0009

 A desfeita global

Desde o optimismo e a esperanza, Gonzalo fai unha documentada reflexión sobre o TTIP. Advertíndonos de que non deixemos que nos rouben a alegría e a esperanza para construír o futuro, sabia e habilmente fai unha exposición da ‘constante’ que salario e produtividade percorren cos seus paralelismos e diverxencias desde os anos 1950, deica os 1970, en que o medre depende da industria. A des-localización xoga un importante papel no medre da produción industrial capitalista, cando a conxunción “salario-produtividade” deixa de ser eficaz no lugar primeiramente establecido.

O TTIP, ao igual que tratados similares como o CETA e o TISA, adoitan presentarse como tratados de libre comercio que pretenden eliminar barreiras comerciais por medio da redución de aranceis e, sobre todo, da harmonización regulamentada. O problema é que para os promotores destes acordos estas verbas teñen moi diferente significado ao que calquera de nós lles damos.

Como non resulta doado facer unha síntese da pedagóxica lección do profesor e compañeiro Gonzalo, e sobre todo por espazo, queremos apuntar que ante a desfeita global que o mestre nos apunta, onde os parlamentos, incluso os gobernos son meras comparsas, sen medios de autodefensa do propio, non é menos certo, que nos deixou pautas de optimismo, dándonos moita esperanza e propoñéndonos que ao igual que o paxaro do conto, ao ver que arde o bosque, en vez de escapar vai carretando auga no seu peteiro para apagar o lume. Boa lección do que hai que facer.

IMG-20170422-WA0003

 Outras formas de facer

Josecho Barca introduce o tema da Mesa Redonda e coa cordialidade que o caracteriza presenta aos seus compoñentes: Carmela Valiño, Isidro Dozo e Carme Freire.

Loables as inquedanzas levadas a bo porto de calquera dos tres xenerosos exemplos que desde a Mesa Redonda nos expoñen, exemplo e demostración do que se pode e debe facer, e como con teimosía e paixón se sae adiante dignamente. Carmela Valiño de Muuhlloa Cosmética, unha empresa 100% galega, traballan con plantas medicinais na realización de produtos ecolóxicos; empresa que xorde da sinerxía de Granxa Maruxa e Milhulloa, ambas enraizadas na Ulloa; conta hoxe con 64 puntos de venda entre as cidades e vilas de Galicia. A súa formula de liña cosmética é “cero parabenos, todo parabéns”.

Isidro Dozo en representación de Catro Ventos Editora, cóntanos que é unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro fundada en Vigo en 2016, e constituída por 5 persoas socias, todas procedentes e especializadas en diferentes eidos, pero con certos valores e preocupacións. A idea de por en marcha a editorial xurdiulles de combinar dous elementos de igual importancia: o desexo de poder desenvolver unha actividade profesional que non só sexa viable economicamente, senón tamén coherente cos seus principios.

Desde o comezo tiveron claro que o deles era o modelo da economía alternativa e solidaria, na que os principios éticos, ambientais e sociais son cando menos igual de importantes ca os principios económicos e profesionais.

Carme Freire Cruces, labrega. Compañeira xunto con Figue, sempre acompañándonos, e sempre aprendendo de vós, grazas. Carme gosta de ser nomeada cos dous apelidos, pois dinos que tivo nai, e tamén se reafirma como labrega, porque ser labrega -afirma- non é unha profesión, é unha forma de ser e estar, non está a representar senón a si mesma, o seu labor e o da súa familia. Colleita un pouco de todo e un moito de nada, pon moita énfase na necesidade de recuperarmos a fala -que non o idioma-; fai ver o necesario da recuperación da palabra, a de cousas que se conseguen coa ferramenta da fala, da comunicación, recuperemos a fala entre nós, o entendemento. Fálanos entre outras cousas do proxecto Lentura, na procura de alimentos; “a revolución está pendente de facerse, pero tamén se está a facer sempre”. Ensínanos acerca da recuperación dos saberes e os sabores, do turismo vivencial como proxecto, de recuperar a terra como espazo de vida.

Despois dun xeneroso e compartido xantar, xuntámonos de novo e Josecho dános cumprida información sobre Redes Cristiás, facendo unha análise sobre a situación de espera na que se atopa; Alfonso infórmanos da próxima asemblea de Fiare e con algúns avisos e información diversa, pásase á Celebración. Celebración foi toda a xornada, máis dun xeito moi especial neste intre, facemos máis presente se é posible a Xesús de Nazaré e con el ao Abba Deus Pai-Nai, partimos, repartimos e compartimos o Pan de vida, saíndo gozosas/os despois dunha fermosa xornada. Grazas compañeiras/os da comunidade dos Dispers@s, por unha preparación tan sinxela e digna.

Anuncio Moroño

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s