Xente d’eiquí: Román Sánchez Besteiro, xerente da cooperativa A Carqueixa


Foto 1 (3)

“No rural galego temos que librar unha batalla cultural máis importante cá económica”

Son un membro máis dunha xeración que terá que demostrar que é a máis preparada da historia. Deime conta un pouco tarde de que estudar non valía para moito, por iso fixen una dobre licenciatura en Dereito e Ciencias políticas na Universidade Autónoma de Madrid con estancias en São Paulo e Barcelona e un mestrado en Comercio Exterior da Universidade de Santiago de Compostela. Agora, como xerente da cooperativa “A Carqueixa”, de 200 socios, nos Ancares Lucenses, centrada na compra de subministracións e na comercialización do gando e da castaña, tento ser a metade de intelixente ca meu avó Emilio Besteiro, cooperativista de pensos “Xa”, tratante de gando e bróker de bolsa”.

Como fuches parar á montaña e por que?

Eu nacín en San Román de Cervantes en 1989. Miña nai, Aurora Besteiro, que era mestra na Escola de San Román, meu pai, Emilio Sánchez, que era mestre de Preescolar na Casa e Ramiro (o cura), formaron o xermolo de diversos proxectos que continúan na actualidade (Centro de Desenvolvemento Rural, Asociación de Montaña A Carqueixa, Cooperativa A Carqueixa…). Son entidades que transformaron e seguen tentando mudar a realidade desde a acción, seguindo a estela do mellor Castelao: “O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos”.

Meus pais, meu irmán Iago e mais eu marchamos de alí no 1993, pero eu sempre me sentín moi unido aos Ancares e de verán viña pasar varios días con Ramiro. E foi Ramiro quen me falou da posibilidade de incorporarme como xerente da cooperativa no 2016, nun intre no que pasaba por unha situación bastante delicada. Aceptei, non sen moitas dúbidas, e acertei.

Foto 3.jpg

Emilio, Aurora e Ramiro hai uns aniños

Cal vén sendo o teu labor?

Son o único traballador da cooperativa e o meu traballo repártese ao 50% entre as tarefas administrativas (pedido de subministracións, contabilidade, loxística das cargas de gando, bancos…) e estratéxicas (comercialización do gando e da castaña, presentación de proxectos para acadar fondos e adquirir formación tanto a nivel galego coma español e europeo). Neste 2017 saberemos se comezan a dar froitos algún deles que están dirixidos á recuperación de soutos, ao cultivo e transformación da castaña, á creación dunha marca ligada ao territorio ou ao estudo sobre os custos de produción no sector cárnico así coma ás alternativas para reducir o nivel de concentrado que toman os becerros.

Fainos un pouco de historia do teu traballo desde que comezou aquí na montaña

Comecei en Xaneiro do 2016, mentres remataba o mestrado en Comercio Exterior que estaba a realizar en Santiago. Neses primeiros meses producíronse novas moi positivas para a Cooperativa: cobrouse una débeda importante que estaba pendente e realizouse unha importante asemblea, moi participada, e na que quedou patente que había un grupo de gandeiros que seguían apostando pola cooperativa, que eran conscientes dos beneficios que reportara e de que, comercializaran os xatos ou non, a cooperativa era esencial para conseguir mellores prezos tanto na trata cos animais coma nas subministracións.

A partir de aí, fixen 100 enquisas aos socios para saber as súas demandas, as súas pretensións e visión da cooperativa. O resultado desas enquisas foi a peza esencial para saber cales tiñan que ser as liñas a seguir: crear unha marca do territorio e volver á compra conxunta das subministracións.

O da marca estase a estudar e é o gran reto que temos por diante, unha marca que diferencie os produtos (carne, mel, castañas..) do noso territorio e que poña en valor os intanxibles (paisaxe, patrimonio, cultura), cuestión importante para saberte diferenciar no día de hoxe. No dos insumos estamos a mellorar moito: houbo una rebaixa xeneralizada nos pensos, con algún caso de aforro de máis de 250 euros ao mes.

Tamén houbo altas: 10 novos socios. E mellorouse moito na comercialización da castaña, pasando de 14 toneladas no 2014 a máis de 220 no 2016, con prezos que chegaron a dobrar aos da competencia na zona.

Como principal aspecto negativo, está o feito de que a consecuencia dos impagos de “Artesanos Gallegos de la Carne” a “Artesáns Gandeiros” (cooperativa que está formada por todas as grandes cooperativas da provincia de Lugo e nas que a Carqueixa está integrada) houbo atrasos nos pagos aos socios e iso acabou propiciando unha baixa considerable na comercialización de gando pola cooperativa.

 OLYMPUS DIGITAL CAMERA

E mirando cara ao futuro cales son os vosos soños?

Hai moitos proxectos que se poden desenvolver na zona de Ancares, que poden mellorar a vida da xente, proxectos que van desde darlle uso a miles de hectáreas de monte que están abandonadas ata que o prezo dos produtos sexa acorde coa súa calidade; tamén potenciar o turismo ou seguir mantendo vivas as tradicións culturais. Porén, cando se fala de soños, hai un no que podemos participar todos e que é fundamental para acadar os demais. Trátase de dignificar e pór en valor a xente que aínda segue apostando polo medio rural: esa é a base de todo desenvolvemento, que os habitantes do rural nos empoderemos e sexamos conscientes de que o noso futuro está nas nosas mans.

O voso labor pode valer de referencia para outros lugares de Galicia?

Hai 5 meses recibimos a visita da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, un grupo de xente conformado por gandeiros, funcionarios ou exfuncionarios de Medio Rural (o presidente é Eloi Villada) que fixeron as xornadas nos Ancares, porque aquí, concretamente entre os concellos de Navia de Suarna e Cervantes, deuse unha evolución moi positiva no manexo do gando: transformación de terras abandonadas en pastos e preeminencia do tempo no pasto de fóra sobre a permanencia na corte. O que máis me gustou da xornada foi unha pregunta dun gandeiro de Viana do Bolo que dixo que el viña aquí para aprender, porque quería facer algo semellante no seu Monte en man común e que todos os veciños o tomaban por tolo. Estas melloras estruturais, que foron impulsadas desde a Cooperativa, nomeadamente polo primeiro xerente, Fernando Veiga, e que tiveron a colaboración de funcionarios como Víctor Álvarez ou o propio Eloi Villada, son esenciais para entender algún aspecto positivo da evolución da zona. Froito disto o tamaño medio das explotacións da cooperativa multiplicouse por 4, pasando de 6 vacas a 24; os incendios deixaron de ser unha lacra para converterse nun fenómeno residual; o ano pasado, 2015, foi o ano que máis nenos e nenas naceron dos últimos 10, cinco nenos/as, que non son moitos, pero son sinais de vida.

A cuestión é que se esta transformación se puido facer en terreos que non son especialmente propicios para a gandería, hai que preguntarse cantos recursos estamos estragando como sociedade ao ter tanta terra abandonada e non permitirlle o acceso a gandeiros ou persoas que queiran vivir do rural.

Giner de los Ríos desexaba que España estivera a altura da súa paisaxe. É un fermoso obxectivo. Eu non son tan ambicioso, a min chégame con que Galicia estea á metade da altura do seu potencial produtivo, paisaxístico ou patrimonial.

Foto 4 (1)

Como ves, logo, desde a montaña a situación do campo galego?

Ultimamente, cando falo do rural galego, lembro aquela frase de Aldo Moro na que se refería ás liñas paralelas que converxen. Unha desas liñas estaría conformada polas clamorosas estatísticas de avellentamento, perda de poboación, desaparición de servizos sanitarios e educativos. A outra liña estaría integrada polas moitas iniciativas que están agromando con éxito no rural: incorporacións de xente nova, granxas máis grandes e estruturadas, apostas pola transformación do leite ou das castañas, recuperación de soutos ou pastos, plantacións de castiñeiro, cáñamo, maceiras, arandos, amorodos ou horta. O éxito do rural galego dependerá de que estas dúas liñas, que agora son paralelas, acaben converxendo.

Eu sempre digo que no rural galego temos unha batalla cultural máis ca económica, no sentido de que vexo moitas iniciativas que desafían o pensamento da sociedade galega sobre este medio. Ese pensamento que non ve futuro nel, que afirma que unha das terras máis produtivas de Europa non ten outra que acabar a eucaliptos ou o que é moito peor, abandonada.

E para modificar iso temos que comezar a cambiar o discurso. Non serve de nada criminalizar a xente que planta eucaliptos, sendo que moitas veces é unha decisión economicamente máis rendible e máis ética que especular no mercado inmobiliario ou ter os cartos no banco. Nós, como sociedade, deberiamos ollar para realidades que tiveron éxito no medio rural, que son máis atractivas desde un punto de vista económico e social que moitas plantacións de piñeiros ou eucaliptos. Como persoa próxima a esta realidade, vexo que unha hectárea de eucalipto, aos 14 anos, dáche un beneficio de 10.000 euros; unha hectárea de castiñeiro, 6.000 euros ao ano a partir do 6º ano. É dicir, con 3 anos de recollida de castañas (sen ter en conta as colmeas ou as setas que poidas apañar) xa sacarías máis rendemento que con 14 anos de eucaliptos. Pondo en valor a terras nas que os nosos avós e avoas viviron e coas que fixeron posible o progreso das nosas familias, pagamos unha débeda que os netos e netas dos gandeiros/labregos e fillos dos desertores do arado temos que saldar. “Aboarase” con gusto porque obteremos beneficios sentimentais e económicos abondos.

Xosé Lois Vilar

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s