Falando da lingua: Cando presta o que se le…


bipolar-dating-guyandgirl-roses

Estes días de atrás estivemos a ler o último libro de Antón Riveiro Coello, A ferida do vento, que é unha homenaxe á memoria de Carlos Casares, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O libro gustounos, si; agora ben, a riqueza léxica é impresionante! Moitas veces, a fraseoloxía, as palabriñas que xa non se oen e que, se as usas, o interlocutor case te tacha de que parece que está a falar con súa avoa en vez de cunha persoa do seu tempo… despistáronnos do argumento. Non se trata dunha linguaxe coloquial, non, é un rexistro coidado, culto, iso si, servido de vocablos que van quedando no triste esquecemento, que haberá quen cualifique de arcaísmos, e que enriquecen marabillosamente narración.

Pois si, agora un mozo e unha moza coñécense e empezan a saír xuntos e son mozos e punto (máis ben, “e@”…) E fálase de que fulanito e mais fulanita son mozos, saen xuntos e ao mellor incluso casan, xúntanse, fanse parella de feito… Pero lembrades aquilo de que Pepe e mais Rosa falaron moito tempo. Si, ho, Pepe foi onda ela moito tempo! Andou con ela, polo menos, tres anos. El tamén fora onda María, pero casou con Rosa…  Porque ela era moi boa moza, moitos lle andaran derredor! Tamén lle fixera as beiras o fillo da leiteira, e algo mocearon, pero ela deixouno, que o que lle enchía o ollo era Pepe… Claro, se vos fixades, neste modo de describir a situación, non había maldade ninguna: el (evidentemente, el!!!) faille as beiras, ándalle derredor, vai onda ela, anda con ela, falan, mocean… Parece que o cambio nos costumes esixe o cambio na linguaxe…

E tamén nos gustou que o avó de Antón, o protagonista, topetease na mesa despois do xantar. Efectivamente, á caloriña do lume, coa barriguiña chea, dáballe un crebante e coteleaba, como non oíamos desde que o dicía a benqueridísima Telós. Ou seica vós cabeceades, ou moneades, ou moqueades, topeneades, toqueades e toqueneades enriba da mesa? Ou sodes dos que vos tirades enriba da cama, xa por riba da roupa, a botar unha sesta? Agora , co que tal están a medrar os días, ben ha prestar…

Que agradable! Que fortuna! Que lingua tan doce, tan de noso temos. Lástima que non todos a oian así, especialmente os que teñen o poder para garantir que continúe existindo sempre, que nunca se chegue a falar do último falante daquela lingua…

Lidia e Valentina

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Falando da lingua coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s