O Trasno: Historias de Pascua


Poderiamos inaugurar o xénero das historias de Pascua, igual que existen os contos de Nadal. Estes caeron un pouco no caramelismo, e teñen moito de conto infantil. Pero o novo xénero sería máis para adultos: historias de morte e vida, reais, de mortes que dan vida, de vidas que esmorecen e mirran, ou se poñen no bordo da morte para que a vida medre e, como din pola serra da Corda, soleza. Nin que dicir ten que esa é a clave e o mérito; dar ou expoñer a vida para vivir plenamente, sen preguntar pola acta de bautismo da persoa doadora, nin o carné de pertenza a ningunha confesión, grupo ou tendencia, nin relixiosa nin civil. A Pascua como dereito universal. Na fraternidade nos atoparemos.

Escoitamos que van estrear unha película dunha desas historias. E é súper actual, porque fala de Europa, do que Europa é quen de facer cando se viste de fascista, e do que xente desa mesma Europa é quen de facer para rescatala do xugo, das frechas e das esvásticas, para reparar feridas, para resucitar mortos.

É a historia da suíza Elisabeth Eidenbenz, mestra e enfermeira protestante que en 1939, xusto no remate da nosa guerra civil, cando 350.000 refuxiados españois cruzaban a pé a fronteira da Junquera e Port Bou, creou na comuna francesa de Elna a que se chamaría a “maternidade suíza” e alí logrou que nacesen arredor de 400 meniños de nais republicanas fuxidas, exiliadas, expostas a todo e provistas de nada. Tamén acolleu, nun acto de insubmisión humanitaria, nais xudías, que alí pariron en paz, nunha Francia ocupada polos nazis.

Elisabeth ía polos campos de refuxiados, e recollía a mulleres no seu oitavo mes de preñez, e levábaas á maternidade. As mulleres recordaban a calor; sempre tiña o lume aceso para quentar o corpo e o ánimo. O seu centro foi reiteradamente asediado pola Gestapo e, por fin, clausurado; por humano, solidario e pascual. Foi en 1944, pouco antes de comezar a retirada.

Elisabeth xogou o tipo, pero sobreviviu e aínda morreu non hai moito, en 2011. Deu moita vida a cambio de xogar a súa. Por iso está tan viva. É unha metáfora da esperanza transversal, universal, humana, que se celebra –que se debería celebrar- en todas as pascuas.

Daniel López

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno, Uncategorized coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s