Ben. A cousa é de película, de Código da Vinci 5.
Se alguén estivese dirixindo o suicidio institucional na Igrexa, desde dentro, desde dentrísimo, a teima de impedir que as mulleres poidan desenvolver o papel de animadoras da comunidade, de “cura de almas”, o servizo (ministerio) de partir o pan e a Palabra arredor da mesa compartida… esa prohibición sería un golpe decisivo.
No noso contexto, a Igrexa, en relación coa sociedade, foise facendo nos últimos corenta anos máis impermeable e incomprensible. A xente nova e a cultura actual non saben de que vai. Vista desde fóra, desde a distancia, desde a indiferenza, resulta estraña.
Facela incomprensible é a estratexia do comando suicida. E vanse poñendo fitos de incomprensibilidade, para distanciarse. E teñen éxito. Moito. Habería que advertir a Francisco.
Ás veces esa aposta pola incomprensibilidade roza a parodia. Vendo por unha banda a “demografía dos cregos”, a súa idade media, a taxa de mortalidade e morbilidade; analizando, pola outra, o resultado histórico do monopolio masculino do curato, abusos, semiabusos e cuasi-abusos sexuais, por suposto, incluídos, diríase que, igual, se cadra, oes, nalgún momento, alguén debería facer algo.
Pero non. É a coñecida falacia do campaneiro: calquera posición reiterada moitas veces, adquire verosimilitude, con independencia de que sexa verdadeira ou falsa. Para o mundo occidental a igualdade radical da muller e o home como persoas capaces de todo, é un avance irrenunciable. Un avance de humanidade e de salvación.
Canto máis tempo se manteña a falacia do “homes só”, máis se afondará na distancia, na incomprensibilidade e no ridículo. E serán menos os que se comprometan coa institución incomprensible.
E xa son ben poucos, rariños. Por iso que se una muller como Christina Moreira, quere facer ese servizo, con sensibilidade, con rigor, con agarimo…e se ten una comunidade que llo reclama e agradece, quen será o xerarca suicida que llo impida?
Ao final é o enguedello ese da famosa frase. Sonche coma limas xordas! A ver escribide cen veces: versión inclusiva “quen non está contra min, está comigo”; versión sectaria: “quen non está comigo está contra min”.
Daniel López Muñoz