O peto: Cinco horas para nós e os nosos


Se atendemos ao que deberiamos durmir, oito horas son de descanso. Por tanto, temos dezaseis horas de “día” por diante. Se lles restamos a media do horario laboral, dispoñemos de oito para todo o demais. Contando que “perdemos” unha hora en ir e vir do traballo e empregamos dúas para facer a compra, comidas e comer (moi importantes, por certo), quédanos CINCO HORAS máis o menos para NÓS e os NOSOS, PARA DECIDIR que facer co NOSO TEMPO.

Recordo con admiración a charla de Xulio César Iglesias Blanco sobre o tempo de ocio na infancia e na mocidade, aquilo de que antes un aprendía a tocar un instrumento por iniciativa propia e agora é unha obriga, como outras moitas actividades ou extraescolares nas que o protaginista non sempre elixe. Dito doutro modo, aquilo que era lecer hoxe deixa de selo, pero ocupando o seu tempo; tempo, por certo, irrecuperable. 

Caemos na idea de que a cantas máis cousas levemos aos nenos mellores serán e perdemos a ansia por facer aquilo que realmente apetece. O ocio, esa necesidade natural, estámolo convertendo nunha viacrucis de academia en local, pasando por pavillóns, ata que o día pecha.

Polo medio, nais e pais, irmáns maiores, tíos ou demais familia facendo viaxes para levalos de actividade en actividade, mesmo afastadas da contorna familiar. Iso que nacera para previr que os rapaces caesen nun tempo malgastado polo barrio con malas consecuencias, colocámolo noutro extremo diferente para “afogarnos”.

Moitos dos rapaces que coñezo pasan as tardes indo a clases: deportivas, musicais e inglés. É moi bo facer deporte, tocar un instrumento e coñecer linguas. Niso penso que estamos de acordo a maior parte, pero moito mellor aínda é dispoñer dun espazo ao día para estar coa familia, sempre que poida ser posible, a cal ademais, pode ser a mellor fonte para adquirir a esencia da música, do deporte e da lingua, por poñer algúns exemplos. A efectos prácticos, saír en bicicleta con papá, tocar a frauta con mamá ou poñerse a aprender unha lingua todos xuntos pode traer beneficios; se hai irmáns, aínda mellor e non hai que esquecer os avós, que lonxe de deixalos a un lado ou pedirlle momentos de custodia, tamén podémolos facer partícipes do proceso formativo, en cada un temos unha fonte única de coñecemento.

Temos que acabar coas extraescolares? Non, pero deben recuperar a idea de complemento, perfeccionando a cada rapaz nunha materia a medio ou longo prazo, pero sempre e cando non absorban o tempo todo, respecten o espazo familiar e sexa do gusto e elección compartida. Se nesas cinco horas lográsemos polo menos a metade para estarmos xuntos, libres de horarios e aparatos, sen actividades deseñadas e facendo o que nos apeteza, se simplemente tivésemos tempo para paralo ou, como apuntaba Maria Montessori, se deixásemos “actuar sós” aos nenos e nenas, poderiamos sentir o que realmente é o tempo libre. O que vivan na infancia poderán transmitilo de adultos; o que non se vive xa non se pode transmitir.

Secho de la Torre

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Peto Común (antes de Sto. Antón) coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s