O trasno: Restaurar o país, conservar a arte e a graza de sermos así


Non só é cousa de restauradores e conservadores como os que entrevistamos neste número de Irimia, rapaces novos vitalmente comprometidos na restauración e conservación da arte herdada. Pero eles parécennos unha bonita metáfora do que fai falta, da grande empresa colectiva pendente, antes de que a vaga da uniformidade e o autodesprezo arrample con todo pola banda de estribor (a que queda á man dereita mirando para proa).

Están fresquiños os datos que nos daban no día internacional da lingua materna, que se celebra en conexión co recoñecemento do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952, cando varios estudantes morreron a mans da policía paquistaní protestando en defensa do idioma bengalí. 

Non sei agora como andarán os bengalís en Pakistán, pero a maioría dos galegos e galegas en España están activa ou pasivamente empeñados en que se perda o galego como lingua natural ou materna. É unha porfía antiheroica, unha teimosía calada e eficaz. Apenas xa un 18% dos cativos do país están instalados no galego como lingua natural.

Perder o galego como lingua de instalación familiar e temperá na vida dos meniños atranca a conservación desa arte graciosa, dese xeitoso agasallo que nos fai cómplices e singulares na historia das comunidades humanas. E esa perda ten mala restauración. Nunca entenderei que xente galega sensible pola invasión da velutina ou do eucalipto non se doia por esta perda.

Porque, despois, perdida a frescura, a música e a riqueza espontánea do idioma, cando falar galego é cousa de adultos que teñen que volver a el “por compromiso”, sexa laboral, político, de aparencia ou de honesta conversión… Cando se “restaura o uso” que se perdeu en toda a infancia e adolescencia, esa restauración é normalmente pobre, descoidada, descafeinada. É unha restauración con vernices alleos, con perda da cor orixinal. E custa montes e moreas darlle xeito.

A política lingüística da época Feijoana, a real e innomeable, consciente ou non, é simplemente deixar que o suicidio se consume, ou, se acaso, empurrar un pouquiño, con cambadelas no tímido avance escolar ou reforzando ese terrible prexuízo de discursar en castelán nas grandes urbes e deturpar a sintaxe do galego no Parlamento… (e no só el, olliño!)

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s