O Repenso: Conversa co Cristeiro


Estaba retirado. Traballara abondo.  Agora, se non fora o reuma que o roía no ombreiro dereito, podía vivir uns anos feliz e contento.  Eu sentira falar de Abelardo, coñecido por “o Cristeiro” de Ardariz. Tiña moitas ganas de botar unha parolada con el. Por fin, chegou o día.

– Pois si. Levo traballado un pouco…

– E sempre picando na pedra?

– Comecei aos dez anos. Os tempos eran outros. Meu pai foime ensinando o oficio.

– E podía cos martelos a esa idade?

-Quizabes antes eramos máis duros. A necesidade éche maldita. Obriga a facer as do demo.

-A vostede coñéceselle en toda a redonda polo Cristeiro. Será porque non facía máis ca Cristos…?

-Ben sei que ese é o alcume con que me distinguen. A min non me desgusta. Efectivamente, aínda que teño feito outras cousas, o que máis tallei foron Cristos.

– E sabe cantos?

– Non levei a conta. Acordeime tarde. Teño anotados 56, pero poida que fosen outros 20 máis cando aínda traballaba tamén meu pai.

– E, dígame: non se cansa un de tanto mazar na pedra?

– Será coma todo. O que pasa é que cansa máis axiña se non che gusta o oficio. Para min, o traballo era sempre unha gozada.

– Unha gozada…! De verdade que gozaba traballando?

– Ao mellor son un bicho raro. Sinto que nacín para ese traballo. Adapteime perfectamente. Claro que case nacín con el. Iso fai moito.

– Pero… pasar a vida dando paus ás pedras…!

-Se o miras así, estás perdido. Non hai oficio que non teña o seu lado feo. Eu tratei de verlle o lado bo. Quizás non te imaxinas a satisfacción que produce o ir vendo como dun pelouro vai xurdindo unha imaxe que ti tiñas na cabeza. A pedra responde pouquiño a pouco aos teus golpes e vaise adaptando, collendo a forma que querías darlle. Algo parecido -nalgún sentido máis forte- ao pracer que che produce ver medrar un fillo conforme coa imaxe que ti meteras na túa cabeza.

-Vaia, vaia! Se segue así, case me vai convencer…

-Non pretendo convencer. Soamente trato de expresar o moito que levo gozado dando paus nas pedras, como dis ti. A figura vaise conformando, vai nacendo, vaite mirando ao paso que falas con ela, ata encariñarte e recoñecela como parte de ti. Xa sei que co granito sempre quedan as figuras un tanto ásperas, rústicas. Sería diferente se o material fose mármore ou alabastro. Pero, como queira que sexa, os meus Cristos son así. Coma min. Algo rústicos.

No repenso, pregúntome: Quen talla a quen?

Ramón Raña

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O repenso coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s