Editorial


O 20 de decembro de 2016 o Tribunal de Estrasburgo de Dereitos Humanos condenaba o Estado español polos danos materiais e morais sufridos por unha empresa de Palencia. Esta empresa viu como unha das súas propiedades, unha antiga igrexa, foi rexistrada pola diocese de Palencia como súa, amparándose nunha lei hipotecaria franquista e na reforma dela feita polo goberno de Aznar, que lle permitía á Igrexa inscribir lugares de culto e calquera outra propiedade que non estivese rexistrada. O Tribunal Europeo obrigou a mudar esta lexislación, que atenta contra os principios básicos da equidade ante a lei.

O caso de Palencia non é único. Desde o ano 2003 multiplicáronse os rexistros de propiedades por parte das dioceses, as chamadas inmatriculacións: só cumpría que o ben non estivese previamente rexistrado e que o propio bispo dese fe de que ese ben era da Igrexa. Actúa, na práctica, como notario e como poder público, rachando os principios de separación de Igrexa e Estado. Foi un proceso de inmatriculacións masivas, onde algún dos casos máis paradigmáticos saíron aos medios de comunicación: os cidadáns de Córdoba enteráronse no 2009 que a mesquita da cidade fora rexistrada pola diocese tres anos antes, pola módica cantidade de 30 euros.

A Conferencia episcopal rapidamente defendeu a súa actuación, entendendo que o seu proceder favorecía o funcionamento da administración, ao evitar o colapso dos rexistros da propiedade con formalidades burocráticas.

A sentenza de Estrasburgo deixa ás claras como a actuación da Igrexa, en connivencia cos gobernos do Estado, atentou contra os Dereitos Humanos. Na práctica, abre unha nova vía ao obrigar a revisar todas as inmatriculacións realizadas nos últimos 15 anos, devolvendo estas propiedades aos seus verdadeiros donos, xa particulares, xa do Estado. Unha vintena de colectivos xa solicitaron formalmente no Congreso dos Deputados que se poñan as medidas para que esta resolución xudicial sexa aplicada de facto no noso Estado.

Xa non é cuestión de recorrer ás palabras de Xesús recollidas en Lc 6;30: “Ao que che leve o teu, non lle reclames nada”. A actuación da xeraquía eclesiástica, entre a nocturnidade e a alevosía, fainos de novo pensar sobre o funcionamento da Institución, os controis internos existentes ou a participación dos fieis. Non se coñece con seguridade o número de propiedades rexistradas (fálase de máis de 4 500) nin a súa localización. E non podemos senón lembrarnos do coñecido como “caso Retablo”, aínda pendente de xuízo, polo que foran imputados inicialmente o anterior bispo de Tui, o tesoureiro da diocese e o párroco, mais exonerados posteriormente por que se cuestionou a legalidade dos pinchazos telefónicos que destaparon o caso.

Ética e estética, esa é a mudanza que precisa a Igrexa na xestión das súas propiedades.

Editorial

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s