Onde vai a xente nova? Lara Medín López, cooperante na Guatemala rural


 

onde-vai-a-xente-nova-7

Seguimos rastrexando onde marcharon. Mozas e mozos galegos que están investigando, traballando, cooperando polo planeta enteiro. Lara Medín, a nosa entrevistada de hoxe, en Guatemala, xa nove anos, encadeando proxectos coa ONGD “Arquitectura sen Fronteiras”. E dinos con claridade: “Síntome afortunada da grande oportunidade que tiven de cumprir o meu soño de infancia”.

Que fai logo unha arquitecta galega coma ti nun sitio coma ese? 

Con 21 anos, de estudante, comecei como voluntaria de Arquitectura Sen Fronteiras. Acabada de licenciar en 2008, a ONGD comezou un programa de vivendas sociais en Guatemala, financiado pola Xunta de Galicia. Precisaban arquitectos e déronme a oportunidade de comezar a miña carreira profesional no mundo da cooperación ao desenvolvemento. Dende entón levo traballando en Guatemala en varios proxectos vinculados co dereito ao hábitat: proxectos de vivendas; de construción de centros de saúde; e proxectos educativos, coa construción de escolas e institutos. Si, síntome afortunada.

Proceso de deseño participativo do Instituto

Proceso de deseño participativo do Instituto

A túa experiencia foise enriquecendo e consolidando..

Son nove anos en Guatemala, diferentes proxectos e lugares. O traballo inicial foi aquel programa para construír 290 vivendas para familias vulnerábeis na costa Sur, comunidades indíxenas desprazadas polo conflito armado ou polo proceso de loita pola terra. Foi un proxecto ambicioso, aparellado coa posta en marcha dunha cooperativa de fabricación de materiais de construción (bloques de formigón e tellas) e a formación de albaneis e mestres de obras locais. Posteriormente levamos a cabo varios proxectos educativos, coa construción de dous Institutos de Educación Básica e unha escola. Este últimos proxectos foron especialmente bonitos, pois puiden aplicar unha metodoloxía de deseño participativo co alumnado, docentes e líderes comunitarios que enriqueceu o proxecto. Tamén traballei no interior do país, no Quiché, unha rexión indíxena rural nas montañas; alí levei a cabo un proxecto de construción dunha casa materna para comadroas tradicionais, unha construción moi bonita con adobe sismorresitente, onde aprendín o saber facer tradicional da construción combinado coa melloras tecnolóxicas. Ademais disto tiven a oportunidade de traballar para un proxecto financiado pola AECID coa construción de dous centros de saúde no altiplano.

onde-vai-a-xente-nova-9

Acto de inauguración de vivendas

Que che causou máis impacto?

Pois de primeiras diría que foi a organización comunitaria da poboación indíxena, o sentido de comunidade e o sentimento de “ben común” tan arraigado na poboación. Por exemplo, todas as familias fan varios días de traballo comunitario para diferentes tarefas, dende limpeza, reparacións ou melloras nos espazos públicos. As comunidades teñen unhas estruturas que as representan e as decisións importantes tómanse en asemblea. Nas escolas que construímos todas as familias da comunidade organizáronse para que os albaneis dispuxeran cada día dun axudante.

Se tivese que dicir cal dos proxectos realizados cambia máis a vida dunha persoa, sen dúbida diría que a vivenda. A vivenda conecta coas necesidades esenciais das persoas. Lembro con especial cariño a inauguración de vivendas na comunidade de Cuchuapan. Ao finalizar o acto unha muller achegouse para dicirme que estaba tan feliz coa súa vivenda nova porque por primeira vez se sentía segura sen precisar a presenza dun home.

Se algo levo de toda esta experiencia de traballo en Guatemala, foi coñecer e traballar man a man con Juventina, Damián e Cruz, tres líderes comunitarios indíxenas, activistas da loita pola terra, exemplos de superación, de entrega, de compromiso, persoas inspiradoras que sempre teñen unha palabra: esperanza.  Despois daquelas longas reunións de traballo, dicíanme “compañeira, o que estás a aprender aquí é unha mestría da vida”

Eses proxectos de Arquitectura sen fronteiras de Galicia son coherentes entre si, responden a unha estratexia…

ASF traballa na defensa do dereito a un hábitat digno para as poboacións máis vulnerábeis. Iso de “hábitat digno” é algo complexo: non é só a vivenda, senón tamén a contorna, as infraestruturas, equipamentos e a mobilidade. Dende esta visión máis integral do hábitat, ASF leva a cabo tres liñas estratéxicas en Guatemala: a primeira é o acceso a unha vivenda digna, apropiada e saudable; a segunda é o acceso a unhas infraestruturas educativas de calidade, neste caso coa construción e reparación de escolas e institutos públicos; e a terceira,  o acceso a uns establecementos de saúde dignos, construíndo e reparando centros de saúde.

Centro de Saúde de San Juan Ostulcalco

Centro de Saúde de San Juan Ostulcalco

Hai páxinas de arquitectura que comparan a vosa última actuación, o Centro de saúde de Ostulcalco, cunha obra de Chipperfield. Iso é todo un logro dada a precariedade de medios….

Pódese entender como un logro poder construír un edificio de calidade arquitectónica nun contexto de precariedade de medios. Pero máis ca un logro de calidade formal en si mesmo, eu véxoo coma unha ferramenta de dignificación das persoas: todas as persoas temos dereito a ter un centro de saúde de calidade, con iluminación, ventilación, no que nos sintamos protexidos no delicado momento da doenza. O logro é que estás persoas se sintan a gusto no seu centro de saúde.

Logo deste tempo, como ves o desafío da cooperación?

A ver, hai que ter en conta o contexto mundial. Por primeira vez na historia da humanidade a ONU dinos que a poboación urbana supera á poboación rural e que 2.500 millóns de persoas no mundo non teñen cubertas as súas necesidades de abrigo e residencia. En “Hábitat III”, a última Conferencia das Nacións Unidas para a Vivenda e o desenvolvemento Urbano Sostible, indícase que “a poboación urbana mundial practicamente se duplicará para o ano 2050”: iso fai da urbanización unha tremenda transformación no século XXI. Por iso a ONU centra todos os seus esforzos en materia de hábitat nestas grandes urbes e nos problemas asociados a sostibilidade en materia de vivenda, infraestrutura, servizos básicos e saneamento. Ao fío desa conferencia nacen plataformas críticas coa forma de actuar e enfocar este problema. En primeiro lugar desde FLACSO (Facultade Latinoamericana de Ciencias Sociais) reivindícase un papel máis activo da cidadanía nas tomas de decisión e transformacións das cidades. E, en segundo lugar, o foro social denominado “Resistencia Hábitat III”, organizado polo Comité Popular polo noso territorio, pon sobre a mesa a problemática da outra metade de poboación mundial que vive en zonas rurais e que é esquecida nesta conferencia.

O meu punto de vista: o proceso migratorio caras ás grandes urbes reflicte unha tendencia mundial cara un mundo máis globalizado e desigual, no que a riqueza está en mans dunha minoría, na que as zonas rurais quedan en mans de grandes latifundios de monocultivos, que están fomentando cambios climáticos. A posición da ONU de enfocar as súas acción soamente sobre as grandes cidades está sendo unha medida paliativa e non estrutural. As cidades seguirán crecendo e creando graves problemas de habitabilidade mentres non se realice un reparto igualitario do territorio, mentres non prestemos atención a esa metade da poboación rural que está buscando unha maneira de sobrevivir.

Que facer coa cooperación en todo isto? As ONGD deberíamos traballar en solucionar estes problemas estruturais,  apoiar as organización de base, os titulares de dereitos na loitas polo territorio, o hábitat, a vivenda e unha vida digna. Acompañalos, asesoralos, fortalecelos para conseguir estes cambios ao mesmo tempo que fortalecer tamén as capacidades das administracións públicas, que están obrigadas coa xente.

Instituto de Educación Básica do Parcelamento O Rosario

Instituto de Educación Básica do Parcelamento O Rosario

Como aplicar isto en Galicia? Que proxectos de país necesitaríamos no eido do hábitat, dun urbanismo inclusivo e sostible e do noso patrimonio inmobiliario?

 Galicia ten grandes retos en materia de hábitat: a mobilidade, nun territorio disperso; o abandono do rural e as consecuencias que ten na degradación do hábitat; a falta de “amor propio” polo patrimonio inmobiliario histórico, en especial no referente ás vivendas tradicionais e a falta dunha planificación territorial respectuosa co legado histórico do territorio e o medio, que non favoreza os intereses especuladores.

Se penso que hai algo do que levo aprendido en Guatemala durante todos estes anos e que se podería aplicar en Galicia é o concepto de Produción Social do Hábitat (PSH), que nace nos anos 70, no contexto das grandes migración do campo ás cidades. O profesor mexicano Gustavo Romero, defíneo como o logro dun “sistema de produción que permita que os diversos sectores da sociedade poidan chegar a ter un hábitat e unha vivenda que responda a súas múltiples condicións e demandas, por medio de procesos nos que participan e decidan”. Os alicerces sobre os que se fundamenta este concepto son que o hábitat e a vivenda son un dereito universal, non se poden entender como bens de mercado obxecto de especulación. A forma na que se materializa este concepto, son por exemplo, as cooperativas de vivendas autoxestionadas de Uruguai ou os múltiples exemplos de barrios ou comunidades latinoamericanas que se organizan para arranxar unha escola, unha rúa ou un posto de saúde.

En Europa existen múltiples exemplos de proxectos inspiradores, (como se pode consultar na páxina web  psh.urbamonde.org).

Pois moitas grazas e, por favor, síguenos inspirando.

Daniel López Muñoz

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Onde vai a xente nova? coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s