O trasno: xustiza reparadora


Que xente guapa coma unha infanta de Borbón e o seu ex deportista senten nun banco dos acusados. Que haxa un xuíz que contra vento e marea mantivese un ton sereno e firme, “xusto” no mellor sentido da palabra, durante toda a instrución do caso. Que se dite unha sentencia contra eles, por moi benévola que pareza… son boas novas. Limitadas, seguramente descafeinadas, pero demostran que desde as institucións públicas pode facerse moito, moito máis do que se fai.

Non se trata de buscar vinganza nin linchamento.  O bo do asunto é o que ten de reparación moral dos xustos inxustamente tratados. O mellor é que as vítimas do día a día poidan verificar que non están absolutamente soas.

Hai demasiada xente ao borde do abismo. Esta crise foi moi revirada e nada inocente. Varreu coas redes de seguridade que tiña a xente, coa sensación de “protección do traballador” herdada do século pasado. Ademais, foron minándose as redes de apoio, a vivencia do comunitario, a solidariedade organizada. Moita da xente nova que accede ao mercado de traballo –e a pesar das chamadas redes sociais-  son átomos illados, individuos “libres”, que é como os quere o capital: sós, indefensos e totalmente dispoñibles para xornadas enormes, horarios imposibles e salarios que apenas duplican o prezo da modesta vivenda que o mercado lles ofrece. Ou sexa, currantes supercompetitivos. O tema da baixa natalidade, fixo, ten máis que ver con iso que coa caixa finlandesa preelectoral de Feijoo, con cueiros, escarpíns e material educativo en castelán.

Reparacións simbólicas. Para eses mozos e mozas. Para a xente do campo que intenta cousas novas, sen apoios, contra o esfarelamento do agro e da comunidade rural. Para as paradas de cincuenta anos, expulsadas do mundo laboral. Para os traballadores da hostalaría e dos hipermercados, as teleoperadoras e os coidadores de vellos, … que quererían chegar a mileuristas.

Que se cree precedente. Porque o agravio da beautiful people é diario. A ofensa da ostentación e o luxo non cesa. E de cando en vez sabe ben confirmar que é certa a sospeita do obreiro e do profeta: detrás de toda esa fachenda, de todas esas vidas de cen estalos, hai delito, e hai un sufrimento de moitos e moitas que esixe reparación.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s