Buscando novas para un obradorio na prensa, escoitei que existía unha proposta para os premios Príncipe de Asturias do deporte: un pai e un fillo que corren xuntos en maratóns; o fillo sofre parálise cerebral, polo que o pai corre empuxando a súa cadeira de rodas. Xa levan 6 maratóns. É unha historia de resiliencia, coma moitas outras que imos atopando, unha historia de amor, de motivación e de superación no día a día. Xa lera hai tempo sobre un pai e un fillo nas mesmas circuntancias que participan en probas de Ironman, e son exemplo para moitas outras familias e persoas. Persoas resilientes, é dicir, que son capaces de facer dos obstáculos oportunidades e de ir cara a diante na vida, a pesar dos problemas e dificultades.
Pareceunos unha noticia ideal para traballar en grupo, e a min, persoalmente, para comentárvola neste pequeno peto. Sabemos que os niveis de resiliencia non son iguais para todas as persoas, igual que o noso nivel de empatía, ou de tolerancia á frustración; e mesmo non son iguais en distintos momentos das nosas vidas; por iso é importante ter fontes de resiliencia, apoios, crenzas… que nos fagan saír fortalecidos das dificultades e barreiras. Seguramente, os que estades lendo, estades pensando nesa veciña tan forte que puido avanzar nun momento moi tráxico, na persoa que foi capaz de abandonar unha adicción e volcarse en traballar para os demais, ou en vós mesmos/as en ocasións. Supoño, creo, que a fe é unha fonte importante para esa forza e esa motivación intrínseca.