Economía: Fóra da lei


20160205

Con ese título a Editorial La Felguera narra os baixos fondos urbanos da España do primeiro terzo do século XX. A historia criminal é unha necesaria radiografía dun país. Estudamos a historia política e económica, pero polo camiño hai moita historia esquecida. A historia da violencia tamén nos fala da forma que temos de relacionarnos e da nosa propia capacidade para construír sociedades máis ou menos cohesionadas.

Moitas veces me pregunto como pasarán á historia os anos que estamos vivindo. Como nos estudarán no futuro? Salientarán o boom do deporte profesional, o mundo dixital e Internet, a Unión Europea, a guerra de Iraq, a explotación dos recursos naturais, o quecemento global, a prostitución e a trata de mulleres, os nacionalismos, a literatura, o cine, as series e a televisión, o urbanismo desaforado, a estafa bancaria hipotecaria e das preferentes, os desafiuzamentos…? Que sucesos serán históricos?

O século XXI trae incontables novidades. Outros acontecementos, porén, son constantes humanas ao longo dos séculos. Deben repetirse porque seguimos sendo sacos físicos de ósos, vísceras e carne. Operados, con glamour, pero, en esencia, iguais. Quilos de humanidade e gramos de alma que seguen atemorizándose, molestándose e amándose entre eles e para os que segue sendo necesario construír muros e murallas que acouguen os afortunados da envexa de golfos e randas, amigos do alleo, que nomadean a fortuna que non lles tocou en sorte.

Esquivamos os distintos e erguemos muros de distancia física coas aforas das cidades; muros entre as escolas dos nosos fillos, entre os traballos e salarios dos adultos, entre os “nativos” e os nacidos no estranxeiro. Non creamos cemento social e pensamos que o número de criminais que existe é infinitamente maior do real. Aprendemos a temernos. E; mentres tanto…

… os ánimos caldéanse. Porque aquí cada vez todo o mundo está de peor humor. Os de dereitas e os de esquerdas. Todos encabronados polo enormemente inxusto que é o mundo, cos argumentos que gustan a cadanseus parroquianos. Todos temos razón e esquecemos oírnos. Polarizámonos. Enrocámonos. E, ao final, ou es un estúpido optimista ou un lerdo conformista. No fondo, deveces por conquistar o teu microespazo, que realmente é o único sobre o que podes decidir, que podes sandar e mellorar, o único que permite materializar os teus soños. E, porén, amamos o discurso afastado que nos disgrega, como se a diferenza fose o único que nos constrúe. Ou estás dentro da “lei”, ou estás fóra. Século de sheriffs

Pedro Pedrouzo Devesa

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Economía coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s