Boa Nova. Domingo 19 de Febreiro de 2017. VII do TEMPO ORDINARIO


A PALABRA. Mt 5, 38-48

Naquel tempo, dixo Xesús aos seus discípulos: «Tedes oído que se vos dixo: Ollo por ollo e dente por dente. Mais eu dígovos: non volvades mal por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado. Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Mais eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades “soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo.»

A CLAVE – Marisa de Corme 

Simone Weil di que a alma humana continuamente se ve modificada nas súas relacións pola forza. A forza converte ás persoas en cousas: fai cadáveres, rebaixa, cega, petrifica a alma. Cre que a forza é o centro da Historia, o seu único heroe, pois ninguén se subtrae a ela. Todo o que, no interior da alma e nas relacións humanas escapa ao imperio da forza é amado, pero sabe que está en perigo de extinción. Non é posible amar e ser xustos si non se coñece ata onde chega o imperio da forza. Non hai que vivir ao seu abrigo, nin admirala endexamais, nin odiar aos inimigos, nin desprezar aos desgraciados.

Eu poño a outra meixela cando asumo que ao mellor non vou vencer, pero vou seguir aquí, mirando de fronte á vida. Poño a outra meixela sabendo que dentro de min aniña o amor, e esta verdade ten moito máis valor que o imperio da forza ao meu redor. Poño a outra meixela, porque as veces atopo ese “claro na fraga” do que falaba María Zambrano, ese momento de transparencia do ser no que entro cando conecto comigo mesma. Os claros na fraga son tan luminosos, que ben valen calquera prezo. Poño a outra meixela e vivo, e fago medrar vida ao meu redor, e sei que esa é a única maneira de avanzar sen ferir. Ata o día de hoxe na historia da humanidade o heroe segue sendo a forza. Vai sendo hora de empezar a cambiar a historia.

 O Eco – Olga Álvarez

Nisto de bos e malos, agás nas películas, hai moi poucas persoas nos extremos, a maioría somos grises (gris claro, gris escuro), con días mellores e peores. E chove por riba do vendedor de paraugas e do vendedor de parasoles, e  fai sol para ambos. Chove e sae o sol para todos e temos que levalo o mellor que poidamos.

Sabedes a historia do home que repartía sementes da mellor calidade entre os seus veciños? Era o xeito de garantir que as súas colleitas foran as mellores tamén.

E a historia da señora a quen non lle daba curado a dor de estómago ningún especialista? Ata que contou que tiña un xefe horroroso e a receita foi sorrirlle ao xefe. Contaba que aquel sorriso custoulle máis que facer flexións cunha soa man pero a dor de estómago, pouco a pouco, foi pasando e o xefe tamén foi relaxando o ambiente laboral.

O de tratar aos demais como nos gustaría que nos tratasen, con educación e amabilidade, acostuma funcionar, polo menos para facilitar a vida social. Pois non conseguiremos facer un ceo na terra mentres non evitemos os nosos pequenos infernos.

 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s