Crónica: Festa do Lume 2017


foto-3-1

Un momento da Festa do lume

A pesar do temporal que asoballaba Galicia, o sábado 4 de febreiro de 2017, en Sobradelo, preto de Vilargarcía de Arousa, tivo lugar a 40ª Festa do Lume. Comezando polo final, damos conta de como foi o día con esta pequena crónica.

 

CELEBRACIÓN COMUNITARIA E XANTAR COMPARTIDO

Rebeldía de Cristo e paz na terra. Con este lema guiounos Alfonso Mascuñana durante a celebración da tardiña, que pechou a festa do lume a carón dunha cheminea acesa durante todo o día. Cunha presa de terra “santa”, pois toda a terra é santa, unha candea acesa e moita xente boa brindamos pola vida e a esperanza, igual que fixeramos durante o xantar (pois sen xantar “real” compartido, sería hipócrita celebrar o  outro). No xantar, o grupo de Sobradelo invitounos a unha queimada, coa que brindamos segundo nos ensinou Charo “D’hoxe nun ano… E antes de alá, moitas veces!”, bailamos a Rumboia en roda ao redor da mesa e partillamos as opinións sobre as presentacións da mesa redonda.

foto-2-5

Alicia, Xulio e Josecho durante a mesa redonda

MESA REDONDA SOBRE EDUCACIÓN

Este ano contamos con tres relatores de grandísima calidade: Alicia López Pardo, mestra da escola de Bergondo e loitadora pola educación no mundo rural; Xulio César Iglesias Blanco, salesiano e educador de tempo libre na asociación xuvenil Amencer; e Josecho de la Torre Culler, mestre e promotor da educación por proxectos no Colexio Placeres de Pontevedra.

Alicia comezou agasallándonos un libro e reivindicando o gran legado pedagóxico que temos en Galicia. Igualmente, expuxo dous síndromes que sofren os nenos de hoxe: déficit de natureza e exceso de pantalla. Ante eles, Alicia defendeu a aprendizaxe vivencial a través das experiencias. Así naceu o proxecto de aprendizaxe vivencial con persoas maiores nunha escola infantil de 3-5 anos en Bergondo. A escola abriuse á xente e transformou a vila. Os maiores entraban na escola a ensinar os nenos, ós que lles aprendían matemáticas a través da clasificación das patacas, a motricidade fina debullando as fabas, e a propia historia do lugar. En pouco tempo, observouse unha transformación dos nenos de cara á valoración dos seus avós, da horta, do galego, etc.

Xulio falounos da influencia do tempo libre na infancia e na mocidade, dos factores característicos de cada etapa, e destacou como o tempo libre é cada vez máis importante e máis valorado na xuventude. Subliñou que o tempo libre é aquel que carece de calquera imposición externa ou obriga, polo que ir a adestrar nun equipo de fútbol ou ir a clase de guitarra non é ocio para moitos mozos. Insistiu na importancia de educar para aprender a gozar da liberdade, e non caer no “ocio neoliberal” fortemente vinculado co consumo. Un consumo que pon en perigo a igualdade no tempo libre. Así, defendeu a educación para gozar dun tempo libre aberto a todo o mundo, non pechado só en nós mesmos e nos nosos amigos.

Josecho acaba de poñer en marcha un modelo de aprendizaxe baseada proxectos (ABP) no seu centro, onde os rapaces, ademais dos coñecementos tradicionais de matemáticas, historia, ciencia…, aprenden habilidades transversais como falar en público, responsabilidade e traballar en equipo. Josecho cóntanos como temos que preparar os alumnos para un mundo que non sabemos como vai ser, e a ver o cambio social como unha oportunidade, non como unha ameaza. Para implantar estes métodos de ABP na escola é preciso a formación do profesorado e a transformación física das aulas. Igualmente, é preciso un cambio de mentalidade que permita romper hábitos, coma o silencio nas aulas ou o protagonismo do mestre.

ASEMBLEA ANUAL

A xornada comezou coa Asemblea anual de socios, partindo da acta da asemblea anterior e continuando coa explicación, por Pepe, dos orzamentos. En liñas xerais, a evolución económica da asociación nos últimos cinco anos é de ir mellorando, aínda que hai que seguir axustado para non xerar perdas. Xosé Lois presentounos a situación da revista e Lucía a do blog: pérdense lectores en papel e gáñanse en dixital. Igualmente, Xosé Lois fixo unha análise do perfil dos lectores e a súa orixe xeográfica, identificando que o perfil maioritario corresponde a subscritores individuais urbanos. Xabi Blanco comentou a situación da organización da vindeira Romaxe, a Romaxe XL, a Romaxe dos corenta anos, que se vai celebrar no parque de Beade, en Vigo. Contamos cun grupo local moi activo que está facilitando moito a organización. Finalmente, deuse paso á renovación e cambios da xunta directiva, onde continuarán todos os cargos, coa excepción da presidencia e a secretaría. Así o secretario pasa a ser Anuncio Moroño Noya e a presidenta Lucía Santiago Díaz.

foto-1-6

Don Daniel, párroco de Sobradelo e Lucía, nova presidenta de Irimia

AGRADECEMENTOS

Non quero rematar esta crónica sen agradecer a Daniel Espiña e á boa xente que nos acolleu en Sobradelo, no salón parroquial, preparado para a ocasión. Alí, fronte á cheminea acesa, tomando un café con petiscos, volvémonos a ver moitas caras coñecidas, e outras novas, como a de Sarela, que con 10 mesiños xa asistía á súa primeira xuntanza irimega.

CONVITE

Alicia López Pardo convidounos a todos a asistir o 31/03/2017, en Narón, á presentación do proxecto “Aldea Nova”, baixo o lema “Coas mans na terra, empoderando o rural”.

Vémonos alí!

Lucía Santiago Díaz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Noso taboleiro coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s