O Trasno: O diñeiro dos listos é o diñeiro dos pobres


Pode soar un pouco antigo ese título, pero é máis que actual.

Os cartos públicos que que se “desvían” a petos privados, a partidos, a espelidos, a paraísos fiscais, suizos  ou tropicais… eses cartos claman ao ceo, porque son os cartos das familias traballadoras que pagan os impostos e chegan daquela maneira a fin de mes, e son os cartos que, a maiores,  non se poden usar para asegurar aos máis indefensos, teito, coidados e pan. Tamén son os cartos que se quitan da circulación en épocas de frío económico, xusto cando a economía necesita que circulen, que cambien de man, que dinamicen a actividade. Triplo crime, polo tanto. Como mínimo.

Por iso está chea de razón a decisión xudicial de enviar ao cárcere aos directivos das extintas caixas galegas, que en plena vaga de recortes sociais, cando as súas entidades estaban en caída libre pola súa xestión de ineptos xogando a ser banqueiros. E, precisamente cando se estaba inxectando diñeiro público para salvalas,  eles seguiron considerándose os reis do mambo e regaláronse unhas prexubilacións de escándalo. Diñeiro dos pobres para financiar a ostentación, o estrago, esa desigualdade obscena que é antieconómica, que non fai máis que arrefriar a economía e aumentar a desigualdade parasita.

Teñen que cambiar certas cousas básicas. Deixémonos de andrómenas e escándalos mediáticos e farisaicos. O que hai que asegurar é que os cartos roubados, malversados, malusados… sexan efectivamente devoltos ao común, ao público, ao que todos controlamos. Que devolvan todo. E se non en efectivo, contra o seu patrimonio. Igual que os narcos. Porque está ben pedir perdón, por exemplo, polo do Yak 42, e estar conformes  agora con que a administración indemnice cos cartos de todos e todas. Pero é o de sempre. Vanlles pagar ás vítimas cos cartos do común, eses cartos que non lles doen.

Porque seguimos sen saber  como foron as contas daquela operación. Esa diferenza da que falan as familias entre os cartos gastados e os realmente empregados  para contratar os avións soviéticos de saldo. Onde está a diferenza? Quen quedou con ela? Hai algo que agachar? É certa esa práctica xeral das facturas falsas?

Daniel López Muñoz

Deixar un comentario