Xente d’Eiquí: Preséntovos a Antonina de Cangas


foto-1-5

Antonina de Cangas

Adoita falarse da inmigración polo sufrimento que xera o peche de Europa aos que foxen da guerra, por conflitos con inmigrantes de segunda xeración falsamente integrados, ou atentados responsabilidade dun cidadán de orixe non europea. Nosoutros queremos dar visibilidade a esoutros casos exitosos nos que alguén de fóra se integra nas nosas vidas sen case decatármonos da naturalidade coa que ocorre. Falamos con Antonina Semedo (ou de Cangas, como é coñecida na Mariña Luguesa), unha caboverdiana que chegou a Galicia hai case unha vida, e forma parte de nós sen perder a súa identidade.

Díganos Antonina, por que veu a Galicia?

Eu saín de Cabo Verde cando xa o meu home estaba traballando aquí, na Alúmina. Eu quedara facendo unha casa e logo xa vin atrás del.

E el por que veu?

Andaba buscando traballo: cando casamos el traballaba en Portugal. Foi a Cabo Verde de vacacións,  casamos e ao mes veu a Lisboa para traballar nunha fábrica, pero non lle ía moi ben. Dixéronlle que había traballo no País Vasco e aló foi, e despois de ano e pico xa veu para Galicia, traballar na Alúmina. Aquí encontrouse co mar, e enrolouse como mariñeiro, que el xa o fora en Cabo Verde. Chamoume e díxome que ía mandarme buscar porque ía coller para o mar. Cheguei aquí en xullo e foi ao mar en decembro.

Deixou a Alúmina logo…

Deixou, porque el traballaba na obra e a obra xa estaba para rematar. Foi dos primeiros caboverdianos que foi ao mar; el e mais outro.

Vostede veu pensando en ser ama de casa ou en traballar? Que idea traía?

Estiven na casa durante un ano, a pícara naceu aos 10 meses de eu chegar a aquí. Aos 4 meses el tivo un accidente e quedou bastante mal, polo que comecei a traballar indo ás algas. Logo, tamén nun restaurante, sen deixar as algas. Estiven alternando así varios anos. Daquela collín unhas casas, despois comecei a coidar xente maior pola miña conta. Polo medio fun plantar eucalipto ao monte e collín un cacho de terra e comecei a labrar… E así fun indo. Agora mesmo estou traballando nunha empresa que se chama San Roque como auxiliar de domicilio, con xente maior.

Está a gusto en Burela? Ou a medias?

Si, si, estou contenta. Teño unha filla casada cun galego, dúas netas, o fillo que teño na casa mais os amigos de Cangas de Foz, que é onde vivo.

A que pensa que se debe o éxito da súa integración, vistos os problemas que está habendo na actualidade cos inmigrantes en Europa?

Problemas sempre hai pero son cousas pasables, que tamén as hai no teu país, así que non son para dicir “non estou contenta”. Eu sonche das privilexiadas que non tiven problema practicamente con ninguén. Todo o mundo me quixo ben, se hai traballo hai para min tamén…

O idioma axudoulle?

Cando cheguei fun vivir cunha familia. O primeiro día o meu home foi traballar á Alúmina e eu quedei no meu cuarto sen saír. Cando abrín a porta atopei a señora da casa coa súa neta e saudoume en castelán, daquela todos lles falaban en castelán aos nenos para que aprendesen o idioma. Preguntoume se o meu home fora traballar, se almorzara… Entendía, só que non falaba moito. Como coidaba unha pícara de 3 anos e medio, logo aprendín o castelán e, ao pouco, xa falaba galego como o falo agora.

Pero vostede sabía portugués de Cabo Verde?

Non, alí falamos o crioulo, estudamos o portugués mais falamos o crioulo. Pero o crioulo que falamos en Cabo Verde é máis parecido ao galego que o propio portugués. E había moitas palabras parecidas: vaca, cabalo, faca, culler… non tiven problema.

Na súa vida en Burela, cando tiña que ir á tenda, por exemplo, en que falaba coa xente?

No primeiro tempo en castelán, logo xa en galego. A maioría da xente da casa onde vivía falaba en castelán e tamén aprendín moito nos libros, lía moitísimo, mais despois non: agora deixei o castelán completamente!

E que me conta referido á súa integración? Foi doada? Tivo problemas?

Teño anécdotas. Ao principio, o neno que che pasa a man e logo miraa a ver se manchas, se lle sae negra. Se che digo a verdade, desde que estou aquí, a cousa máis grave que me pasou foi hai dous anos. Eu, coa casa, comprei un anaco de terra cunha entrada que leva alí séculos e un veciño pechoume a entrada. Isto chamoume moito a atención, porque confiei nel e pensei que nunca me faría iso e deixoume cerrada. Teño unha terra alí que non ten entrada. É o dano que máis me fixeron aquí en Galicia, máis nada.

E que destacaría en positivo da xente que a recibiu?

Un dez. Un 100%. Toda a xente, agás ese veciño, o resto un 10. Se me pasa calquera cousa, todo o mundo pregunta: que che pasa? Queres que te levemos a algún sitio? Dígoche e digo sempre que desexaría ter un brazo moito máis longo para xuntar a xente, incluso practicamente España enteira, que por onde fun todo o mundo me quixo ben, para abrazalo. Sempre me levei ben con todos. Teño uns veciños asturianos cos que comparto parede medianeira e fixemos 29 anos en setembro: nunca tivemos un problema nin queixas de ninguén, nada máis ca con ese home que me pechou o paso. Apoiáronme economicamente, fisicamente, moralmente… en calquera sitio. Os meus veciños son como a miña familia e para eles, como se fose branca. Mira, eu traballo con xente maior, e moitas veces din: “ai, non me mande negras, mándeme a Antonina”. Non, eu non son negra, eu son branca! (Ri)

foto-2-4

Actuación de Batuko Tabanka

E que me conta dese grupo de música chamado Batuko Tabanka que preside?

Naceu un día que fomos comer todos xuntos e puxeron música de acordeón. Chámanlle o baile do funaná, e eu dixen: e por que non cantamos unha canción de batuko? E a dona do restaurante comentou: ai que cousa máis bonita, e por que non o facedes máis? Comezamos, o Concello apoiounos, deunos a tea e a costureira para facermos os traxes e fixemos un cursiño xa de paso de corte e confección. Desde aí, nunca pensei que chegásemos tan lonxe. Xa nos levou a todos os sitios, podería estar contando ata mañá.

Cambiando de tema outra vez: tivo vostede ou outros caboverdianos algún choque cultural como se escoita ás veces nos medios polos burcas das musulmás?

Non, porque todo o máis poñemos unha pañoleta, as máis vellas, pero máis nada.

E pensa que se debería permitir o burca?

Penso que si, estamos nun país libre e cada un que leve as súas cousas, os seus costumes, como quere. Temos que adaptarnos uns aos outros, non ten por que se meter ninguén con ninguén.

Pois moitas grazas Antonina, por contarnos a súa experiencia.

Manuel G. Turnes

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Xente d’Eiquí coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s