Falando da Lingua: E seguimos de movida…


Como o prometido é debido, aquí estamos de novo coas nosas “festas” e o noso “andar de festa” para completar o número que comezamos a semana pasada. Falaramos da troula, da xolda, da folía e da foliada.

Hoxe imos comezar por un dos termos máis coñecidos para facer referencia á festa con aquel sentido de “diversión buliciosa”: a esmorga; pero esta palabra presenta o matiz de esaxeración, emprégase para falar dunha diversión esaxerada. A esmorga máis famosa é a que protagonizaron os tres mozos que caracterizou Blanco Amor no libro que ten A Esmorga de título, unha das mellores obras da nosa literatura. Mais, polo visto, esmorga tamén pode significar “comida abundante que toman varios amigos xuntos”.

Hai máis palabras polisémicas que comparten a acepción de “festa” que estamos vendo: algueirada, gandaina, chola, mais tamén presentan outras acepcións. Algueirada podémola empregar en “Menuda algueirada fan todos os sábados”, pero non ten que ver coas algueiradas que fan aqueles que realizan malas accións con engano e trampa, ou coas algueiradas que son sinónimo de “revolta ou rifa de pouca importancia”. Outra sería gandaina (“Andan de gandaina de día e de noite”) e que ten unha acepción que nos parece derivada: “ser un gandaina”, nome que se lle aplica a aquel que non quere traballar, que “non rasca bóla”. O caso de chola é algo diferente, porque varía segundo o verbo que leve diante: se imos de chola é que imos de festa , pero se estamos de chola é que estamos de broma.

Aínda que para nós o significado máis habitual de rexouba seríaComentario que se fai con ánimo de criticar a aquel ou aquilo sobre o que se fala” (“Moito lle gusta rexoubar das veciñas”), tamén falamos de que “Pasou toda a semana de rexouba en rexouba”, é dicir, “de festa en festa”.

E aínda que sexa de uso coloquial, rematamos coa nosa coñecida carallada (“Estiveron toda a noite de carallada”). Claro que esta carallada non ten nada que ver con aquilo de “Non me veñas con caralladas a estas horas” (que non son festas, senón cousas molestas) ou con “Merquei unhas caralladas” (Cousas sen importancia e de pouco valor).

Ata a póxima! Agora imos de parranda…

Lidia e Valentina

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Falando da lingua coas etiquetas , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s