Entrevista a Diego Lores: QUÉRENNOS EN SOIDADE. TÉÑENNOS EN COMÚN


diego-lores-1

Ao día seguinte de realizar esta entrevista chegaba a nova da retirada da demanda da acusación particular contra Diego Lores, coa que se puña fin ao peche e se lle puña fin a esta acusación que tanta dor causou, mais que mobilizou activamente a tantas persoas, non só da comunidade de base de Coia, senón doutros múltiples colectivos e persoas individuais.

Domingo 15 de xaneiro, Parroquia doCristo da Vitoriaen Vigo. Unha gran cantidade persoas ocupan a zona do altar da igrexa. Unha pancarta é imperceptible desde os bancos: Quérennos en soidade. Téñennos en común”. Diante deles, tres persoas van dar unha rolda de prensa, unha mesa presidida polo lemaDiego, absolución”: o párroco, Juan, a avogada Esther Lora, e Diego Lores. Con este acto iníciase un peche solidario, cunha duración de dous días, solicitando a absolución de Diego, acusado inxustamente por empurrar a un policía municipal dous anos antes nunha das protestas que tiveron lugar no barrio de Coia contra a instalación do barco Bernardo Alfageme, por parte do Concello de Vigo, nunha rotonda do barrio.

Xa hai máis de dous anos do inicio deste proceso. Como viviches este tempo?

Somos coñecedores dos tempos da xustiza, que son moi lentos. Foi moito tempo. Ás veces tranquilo, mais cando aparecían cousas sinxelas, como ir ao xulgado a facer non sei que, había un ruído na miña cabeza, que non te decatas que o tes, e que esas veces se activaba, en momentos moi concretos ou de exposición pública.

Moita xente achegouse hoxe para te acompañar

 Si, mais esta represión que estamos a vivir, co tema da rotonda, foi dun xeito moi anormal, porque o normal é que a xente vaia aos xulgados, que a metan nos calabozos, e non teñan xente que os esperen, ou apenas teñan xente. A xente sofre individualmente o seu problema. Mais nós non podemos dicir máis que estar moi agradecidos con toda a xente que estivo moi pendente, preocupada, sosténdonos, en cousas moi básicas, desde preocuparse de como estabamos, nas actividades que facían ou nos temas xudiciais. Xa de pasar por isto, mellor pasalo así, con tanta compañía, que é unha alegría.

diego-lores-2

Non te preguntas, …por que me aconteceu a min?

Cando pase o tempo podereino ver con máis calma, mais isto que me pasou a min non é tan raro que nos acontecese. Levabamos un tempo facendo actividades incómodas para o poder, desde Coia, anos atrás desde a parroquia, e xerabamos incomodidades. Con anterioridade si que pensaramos que algún día nos podía chegar unha multa, ou algo así. E mirabamos na prensa de xente doutros colectivos amigos, doutros lados do Estado, que os metían en procesos xudiciais por facer o que estamos a facer nós: por elevar a voz, por nos xuntar, por resistir e por cuestionar. Cando me pasa a min eu entendo que é por estar metido nestas cousas. É claro que xerou medo, porque posiblemente, o que pasou na rotonda, hai 20 ou 30 anos o solucionarían con violencia e represión no momento, mais agora, con moito menos esforzo, collendo a un, dous ou tres, por moito menos, collendo a Suso ou a min, meteron medo ao movemento e acaláronnos, polo menos nun primeiro momento.

Mais no que si tivemos acerto, unha vez recuperados, e xa que estabamos metidos nisto,  foi en aproveitar estes últimos tempos máis próximos ao xuízo, como é con este propio peche, onde a xente ía ter a mirada volta para nós, pola represión que sufrimos, para falar do que queremos, da alternativa de cidade que queremos, de como dar resposta á desigual distribución da riqueza, de que tipo de políticas son necesarias para dar resposta ás necesidades de todas as persoas.

Convertedes o peche nunha oportunidade…

Si, porque a finalidade deste peche é isto, xuntarnos, e tamén alimentar as relacións que se viñan establecendo entre os diferentes grupos de persoas nos últimos anos, e que se visualizaron na rotonda: había xente de diferentes xeracións, moita do barrio e da parroquia, mais tamén doutros grupos, do independentismo, do anarquismo, xente do barrio que non estaba politizada e que non participaba en ningún movemento, canda xente de partidos, sindicatos. Era un grupo moi diverso. E este peche serve para alimentar estas redes, as relacións, coñecérmonos máis, para a partir de aquí xerar algún tipo de dinámicas, que tampouco queren ser moi pretenciosas, senón seguir traballando desde abaixo e ir creando pequenos espazos liberados do sistema.

O acerto, se é que o temos, con este peche, e este: celebrar que “Xuntas somos máis fortes” e aproveitar, xa que nos poñen algún micrófono e nos sacan algunha foto, para dicir o que queremos.

Visto con distancia, semella que pagou a pena

A loita si que pagou a pena, ou a ledicia, como din moitas compañeiras. Miña nai dime: “a ver se agora non andas tanto en líos”, e eu dígolle, en broma mais moi en serio: “eu non me metín en líos: metéronme a min en líos, a policía, o goberno municipal”. Tiñamos dúas opcións: metérmonos na casa  e dicir “que pena polo que nos pasou, que mala sorte”; ou pensar que xa que nos pasou, teremos que xestionalo, e seguir adiante, levalo con dignidade, con ledicia. Xa que temos que pasar por este camiño, pois poder seguir falando das cousas que queremos e xuntármonos coas persoas que nos apetece.

Na rolda de prensa da mañá falastes da acusación particular, a única que se mantén, do policía municipal. Non é tanto unha represión xenérica, senón que hai persoas detrás.

Existe un ambiente de represión xeral, boa proba é toda a actuación do goberno municipal, xa que sen ela non se entendería todo isto. Despois si que se personaliza en persoas concretas. Eu teño a teima de saber como estará a vivir o policía todo isto, que pensará el de toda a situación, como o leva. É un rapaz moi novo, fillo e neto de policía, que supoño que lle veu grande xestionar todo, que puidese entender isto coma un fracaso. A policía local non está preparada nin dentro das súas funcións está o de actuar como antidisturbios. Pode que estea ferido no seu orgullo profesional ou persoal e non é quen de recoñecer a situación. Entre outras cousas porque el non paga o avogado, cúbreo a policía ou o seu seguro, ou quen sexa. El non vai pagar, gañe ou perda.

E a tres días o xuízo, a que te enfrontas? Como o enfrontas?

Un delito de atentado contra a autoridade e de lesións. Unha petición de 3 anos e medio e máis de 30.000 € de multa. O que pasou neste proceso é inhabitual, que a fiscalía pida o sobresemento, e iso que a testemuña, que é policía, ten presunción de veracidade. Isto é moi raro que pasase. Eu creo que vai acabar ben, aínda que a verdade, unha cousa é o que o que nos pode parecer, mais o xuízo é unha cousa técnica. Por iso, afróntoo con nerviosismo. Eu teño que ir alí, a contar o que pasou, acompañado, como estou hoxe. Mais claro que existe nerviosismo, ante o  mundo xudicial, no que non me manexo, medo ante o descoñecido. Mais estou confiado, polos feitos, polo que pasou, e pola cantidade de agarimos que hai.

Remate a cousa ben ou non, como dicía Juan, hoxe, aquí hai máis de dous anos metidos nesta historia, de sufrimento, para moita moita xente, e algunha que o pasa peor que outra, coma os meus pais.

lase dun aumento da represión, e que este xuízo responde a un intento de criminalización dos movementos sociais, onde ti serías unha das caras visibles de todo o conflito pola instalación do barco na rotonda de Coia.

Esta situación non é escollida. Estamos nun momento onde un rapaz do barrio, por facer cancións de rap, acaba de ir á Audiencia Nacional. Outro rapaz que pasou pola rotonda, por escribir algo no twitter, tamén foi. Despois está a xente de Causa Galiza, que tamén pasaron a AN e cun nivel de violencia moi potente. Esta é a situación na que estamos. Ou te metes na casa, vas mercar a Zara, Carrefour, ver os partidos do Celta ou non sei quen, ou todo o que se saia de aquí, ou mesmo por non ter capacidade de consumir, vas estar criminalizado. Isto é como cando vas ter un fillo, que ves moitos carros de bebé, para min foi o mesmo: neste tempo non paro de ver casos como o que me aconteceu. Mira, o outro día, o caso dunha rapaza por facer un chiste sobre Carrero Blanco. Estamos nun momento no que non se pode dicir nada e apenas te movas vas estar sancionado. Se queremos escoller un estilo de vida que pensamos que nos dá folgos para seguir adiante, porque entendemos que se poden facer as cousas xuntas e xuntos, desde abaixo, en comunidade, e porque nos apetece vivir desde aí, dando un sentido á nosa vida, somos conscientes que iso vai ser penalizado. O momento é este, con pouco que fagas, vas acabar nun xulgado.

J. A. Martínez

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s