ECONOMIA: Electricidade barata e pobreza enerxética


Nada apunta a que a electricidade deixe de ser cara, e non sería nada raro que no futuro seguise subindo o seu prezo. A produción enerxética en España repártese de forma proporcional entre hidráulica, eólica, nuclear, ciclo combinado, gas e carbón, quedando as renovables en posicións máis afastadas. De aí que, malia ser ampla e variada a orixe da electricidade, a enerxía renovable segue adoecendo dun escaso protagonismo na súa produción.

A privatización que sufriu o mercado eléctrico non posibilitou un mercado eléctrico real no que as empresas competisen por subministrar a enerxía da forma máis económica posible. Todos os indicios apuntan a que as eléctricas, escasas en número, teñen unha gran facilidade para acordar prezos que non sexan excesivamente gravosos para os seus intereses. A recente investigación que iniciou recentemente a fiscalía do Tribunal Supremo é outro síntoma da estafa eléctrica que padecemos.O sector eléctrico está privatizado, está en mans de empresas privadas, pero non está liberalizado, é dicir, é un mercado regulado polo sector público ao tratarse dun ben estratéxico e fundamental na marcha económica da nosa sociedade. Pero a tímida regulación que sofre non nos garante un bo funcionamento dese mercado. Dificilmente funcionaría peor o mercado eléctrico en España se substituísemos esas tres grandes empresas privadas por unha única empresa pública: cambiar un oligopolio privado por un monopolio público podería traer máis vantaxes que inconvenientes aos usuarios. Entre outras cousas porque o goberno tería que asumir a súa responsabilidade dunha forma íntegra, en vez de sentirse impotente ante os designios do mercado eléctrico.

De todas formas, aínda que conseguísemos uns prezos máis razoables para a electricidade, non deberiamos esquecer que se trata dun ben escaso, e que o seu prezo seguirá subindo segundo vaiamos consumindo os recursos enerxéticos non renovables como o carbón e o gas. Estamos vivindo dos aforros de moitos millóns de anos de historia terráquea, e o modelo enerxético (todo) ten que mudar. A eficiencia enerxética deberá ser a base de calquera medida económica que tomemos, desde a forma de transportarnos polas nosas cidades ata a forma de construír os edificios.

Iso será o normal, a enerxía será cara. Pero non por iso ten por que custar o mesmo a toda a poboación.  Deberiamos buscar formas que nos permitisen identificar a pobreza enerxética para abaratarlles o seu custo ás persoas que a sofren, ben con axudas públicas, ben con exencións fiscais ou mediante calquera forma que conseguise asegurar un prezo asumible e, ao mesmo tempo, evitar que o seu consumo non se converta nun abuso. Bonificar  un consumo mínimo diario a partir do cal o custo enerxético sería idéntico ao resto da poboación, ou bonificar unicamente o custo fixo serían medidas que permitirían ás capas máis febles da poboación, especialmente os nenos e os maiores, non padecer os prezos da electricidade que dependen de moitos máis factores que o mero custo de produción.

Pedro Pedrouzo Devesa

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Economía coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to ECONOMIA: Electricidade barata e pobreza enerxética

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s