Xente de eiqui: Conversa con Celsa Arenas e Anuncio Moroño, de Labañou, de Vanguarda, da solidariedade e a fraternidade en todas as súas variantes….


celsa-e-anuncio-listos-para-caminarCelsa e Anuncio coñecéronse ben lonxe de Carral ou do barrio de Sar en Santiago, onde naceron. Con pouco máis de vinte anos o destino levounos ao Downside School en Stratton on the Fosse, Inglaterra, un colexio dos máis elitistas do país, ao que chegaron cada un polo seu lado buscando o futuro que aquí se lles negaba. Ela sabía coser e levar unha casa e el, que de neno soñaba con ser piloto, o mesmo servía para un roto que para un descosido. Loitaron por saír adiante e fixérono xuntos, como farían xa para sempre todo o demais. Despois dunha vida entregada aos fillos Santi e Ana, agora tamén ás netas Laura e Alba, seguen sen esquecer as causas que sempre reivindicaron.

 Como era aquel escenario no que decidistes emigrar?

 Anuncio: O barrio de Sar progresaba moi lentamente. Perdíanse oficios como os de zapateiros ou cesteiras e había moitos peóns e labradores. En Angrois onde eu xogaba, non había luz e chegaba a lama aos nocellos por moito que se chamara “Camiño Real”. Eu facía os recados para unha empresa de transporte que fabricaba as súas propias pezas de recambio. Meu irmán maior traballaba de ferreiro naquel taller e eu quería aprender de torneiro, pero para iso había que pagar. Despois fixen baldosas en Félix Vilas; gañaba algo máis, pero non o suficiente. Para min, a alternativa podía ser o cuartel. Querían que quedase –¿Qué eres en la vida, un peón? Dicíanme-. Aquí puedes ser sargento y luego teniente…-. Eu replicaba “Son baldoseiro”. –Pues eso, un peón-. Pero eu xa tiña en mente emigrar.

Celsa: Eu era pantaloneira e tiña unha amiga traballando no castelo Darnaway, en Escocia. Pensaba que gañaría moito máis que aquí, así que decidinme. Á parte de non gañar o que imaxinara, aquilo estaba tan illado que era aburridísimo. A miña amiga saía algo porque sabía andar en bicicleta pero eu nin sequera, así que non dubidei en aceptar outro emprego no colexio de Downside Abbey. O meu traballo sería atender á encargada.

Anuncio: Si, cando eu cheguei ao colexio dos beneditinos, ela xa estaba alí. Eramos uns cincuenta españois e Celsa era a que tiña o salario máis alto. Tanto a encargada coma o médico, non atendían sen que ela fixese de intérprete.

Celsa: Eu non é que falara moito, pero entendíame. Aprender inglés non era doado porque falabamos español entre nós.

 Anuncio: Ademais de coñecer a Celsa, que sería xa a miña compañeira para sempre, alí descubrín o que era unha vida digna: unha habitación para min só -na casa eramos seis irmáns- cuarto de baño -aquí non tiña nin auga corrente- e mesmo unha señora que me facía a cama.   

Celsa: Alí estábase ben. Cando casamos déronnos unha casa e cando naceu Santi, cambiáronme para un traballo que me permitía estar con el.  Repasaba a roupa dos alumnos, máis de mil en total, pero eu só facía a dos máis pequenos.

Anuncio: Coidar dos nenos foi sempre a nosa prioridade. Despois deste colexio traballamos en varias casas moi boas. A primeira foi a de Lady Cadbury, a dona dos chocolates Cadbury, que non criara nin aos seus propios fillos pero permitiunos ter a Santi con nós, a quen máis dunha vez lle regalou unha chocolatina.

Celsa: Ana naceu na casa dos Morley e despois fomos á de Mrs. Coscos. Por último, volvemos ao colexio dos beneditinos outra vez.

Anuncio: Desta volta o meu traballo era servir o viño aos convidados, cando os había. Estabamos moi ben alí.

na-romaxe-de-irimia

Había tempo para algo máis que traballar?

Anuncio: Aínda que non sexa máis que unha curiosidade, eu no colexio ía a misa coa encargada. Unha misa só para ela. Pasaba pola cociña, facíame un sinal e eu, saía para a igrexa. Alí estabamos o monxe, ela e máis eu. Moitas veces nin cruzabamos palabra aínda que fixeramos xuntos o camiño.

Na misa que se facía en español para os traballadores, usábase un misal que me regalara Quiroga Palacios cando eu tiña once anos. Un día ao ano, no que xuntaban en San Martiño Pinario aos nenos da diocese, preparáronme a min para ler naquela misa. Eu sabía o texto de memoria pero tiña que facer que o lía. Cando o arcebispo me entregou o agasallo tamén me ofreceu unha bolsa para o Seminario Menor, que aínda estaba por rematar, e díxenlle que non a quería.

Tal era a necesidade na casa que aquel misal meu pai vendeullo a unha mestra  para mercar dous porquiños. Eu debín de chorar tantísimo, que aos dous días volveu onde ela e pediulle o libro -senón meu rapaz vai morrer- supoño que lle diría. Tivo que ir devolvéndolle os cartos como puido. Por certo, o libriño tamén viaxou a Londres para que un bispo casara unha parella española. Recupereino con moito esforzo, con manchas de tinta e sen o estoxo de coiro.

Celsa: El sempre tiña cousas das que preocuparse.

Anuncio: Si. Interesábame polos sindicatos e escoitaba Radio Praga, a onde quixeron levarme. Tamén informaba o embaixador español dos nacementos da contorna de Bath-Bristol; a embaixada agasallaba aos acabados de nacer e a min enviábame un paquete polo Nadal. Cando chegou Fraga dixo que había cousas máis importantes que facer e aí rematou o meu “labor diplomático”.

Noutra ocasión escribinlle, con outro compañeiro, unha carta a Franco. Ao seu primo non o deixaran entrar no país por ser sobriño do Foucellas, considerado un terrorista. Conseguimos o permiso cando o home case perdera o interese, pero aquela carta levounos toda a noite escribila.

 

E tiñades intención de volver?

 Anuncio: Chegou un momento no que non eras nin galego nin inglés. Así como os italianos non o pensaban tanto, os españois si queriamos volver.

 Celsa: Eu sempre o tiven claro, e cando os nenos tiñan seis e oito anos, era o momento de quedar ou de marchar.

 Anuncio: Aínda así pensámolo moito. Incluso despois seguimos dándolle voltas. Sendo de aquí e falando o noso idioma, sentiámonos como estraños. Non atopabamos traballo e ofrecíannos salarios ridículos. Foi moi duro.

 Celsa: Si. Eu diría que aínda foi máis duro o retorno que a marcha.

Anuncio: Non entendiamos certos comportamentos cívicos, non había palabra, tirábanse as cousas ao chan e aquí as xestións administrativas eran lentas e confusas; alá coas catro palabras que sabiamos solucionabas todo.

nunha-xuntanza-do-sindicato

Como foron os inicios do voso activismo político?

Anuncio: En Labañou, onde nos instalamos, iamos a unhas misas de curas progresistas onde as veciñas e veciños decidían os quefaceres da parroquia e a vida social do barrio, servindo como plataforma a organizacións políticas, sindicais e, sobre todo, ao asociacionismo veciñal, ANPA, etc. Aquilo todo estaba prohibido e a policía andaba enriba, así que o 16 de abril d 1975, a Dirección Xeral de Seguridade multou a Eliseu Ruiz (Cuco), o sacerdote de Ferrol que estaba a preparar a Semana Santa en Labañou, “por infracción da Lei de Orde Pública”. Na parroquia organizámonos en Movemento Junior, Xoves e Adultos, seguindo o principio “Ver, xulgar e actuar”. A comunidade de Labañou era parte das CCP, tendo como referencia á Vangarda Obreira, onde me integrei e estou. Tamén somos de Redes Cristiás, da Coordinadora de Crentes galegos, de Irimia e estamos vencellados a Encrucillada.

Militei, polo tanto, desde a súa creación, no movemento veciñal e na ANPA de Labañou, onde conseguimos despois de moita loita, un colexio digno. No sindicalismo, participei en diferentes organizacións nacionalistas deica a confluencia coa CIG, e formei parte do antigo PSG, PSG-EG e BNG. Recordo a súa fundación, á que asistín no pavillón de deportes de Riazor, aínda que me mantivera no PSG.

 organizando-unha-irimianza

Celsa, ata que punto compartes ti estas inquedanzas?

 Celsa: A min gústame que el estea nestas cousas, pero eu non son tan activa.

 Anuncio: O feito é que estar con Celsa permitiume levar a vida que levei. E ese recoñecemento non o fago só eu. Cando Irimia cumpriu 25 anos, fíxose un acto en Bonaval e repartiron 25 cirios co emblema da primeira romaxe. Había que entregalo a 25 persoas e, polo visto, nunha reunión falouse de min. Entón, alguén, acertadamente dixo: Non, que sexa a Celsa; porque sen ela, Anuncio non sería o que é. Non é máis que un anaco de vela que só ten valor simbólico, pero comparto completamente ese pensamento.

 

En que loitas andades agora?

 Anuncio: Como emigrantes retornados defendemos ser iguais ao resto de españois. Queremos o mesmo baremo que os demais cidadáns pero a nós aplícasenos a inxusta Lei de dous pagadores, que nos obriga a facer a declaración se a suma das pagas chega a 11.200€, e o que recibimos do estranxeiro pasa de 1.500€ anuais. Inexplicablemente é un tema tabú para os medios de comunicación e para os partidos políticos, que nin en campaña airean o asunto. Só grazas ao traballo e esforzo de Ana Miranda do BNG, empezáronse a devolver multas e cargos.

 

Para rematar, Celsa e Anuncio reflexionan sobre o que aínda queda por facer.

Celsa: Eu penso que aos netos deixámoslle, en xeral, un mundo peor. E desde logo, como siga mandando Rajoy, isto non mellora…

Anuncio: Foise progresando pero agora imos a peor. Debía haber máis xustiza social, máis humanidade e máis conciencia cidadá. Hai que seguir na loita.

 

Montse Nieto

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Xente d’Eiquí coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s