O trasno: a soberanía educativa


Falamos de que a soberanía alimentaria é difícil. Que a nosa terra máis próxima nos dea unha maioría razoable dos produtos que comemos, parece algo natural, ecolóxico, sostible e, xa que logo, de sentido común. Pero non tal, xa o sabemos.

Por outra parte, teoricamente o consumidor é libre para decidir. Pero toma liberdade! Todo tende a virnos prefixado, e cando non, é a lei do prezo: o que se produce con salarios africanos ou latinoamericanos e con transxénicos norteamericanos impón a súa lei no mercado. Os produtores locais teñen que dedicarse ás delicatessen. Pero aínda así, aínda con todo, sempre hai unha marxe para decidir, sempre hai oportunidades para saírmonos do establecido. Sempre podemos facer algunha boa xogada.

Pois  coa soberanía educativa dos pais e nais, pasa algo parecido. Se renuncias a ela, pois nada, alá vai a corrente, deixa que os leve. Se queres introducir criterios propios, vas comezar unha loita de anos, na que a coherencia non debe estar rifada coa intelixencia, a estratexia e a flexibilidade.

Pregúntanse os xornais, a raíz do día de magos que xa pasou, se hai nenos “hiperregalados”. Parece unha pregunta absurda. A pregunta debería ser á inversa: coñeces nenos e nenas –ese ben escaso- que non estean hoxe excesiva, esaxeradamente agasallados?

Que beneficio ten para un cativo, para unha rapariga, mergullarse nunha morea de obxectos envolveitos que non é quen de dixerir, da apreciar, de comprender? Que vantaxe ten para a súa aprendizaxe sobre o valor e a querenza polo traballo e o enxeño que teñen os xoguetes? Que valor lle achega para saber estar nun planeta de recursos limitados? Que preparación lle aquela para se enfrontar á incerteza dun mundo laboral precario e inmisericorde?  Pois nadiña. Se cadra, iso si, ese espectáculo reconforta os adultos que están na bancada –uns seis ou sete por infante- que compiten interiormente a ver se a criatura se entretén co seu regalo un par de segundos máis que co que lle regalaron os outros parentes.

Veña rapaces, o camiño é longo e a loita continúa, pero educar no amor pola Terra, o aprecio polo traballo, a concentración e a contemplación, non se leva moi ben con este enorme bazar chinés no que queren converter a vida dos picariños. Ninguén dixo que fose fácil. Pero o fácil, insistamos, paga pouco a pena.

Daniel López Muñoz

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s