Ás furtadelas: A descomposición do cristianismo – O dano do clericalismo na Igrexa


“O Evanxeo non culpa a xente, culpa ós pastores”

Xesús non fundou o clero. Nin fundou sacerdocio ningún. Iso non consta en ningures, en todo o Novo Testamento. E moito menos, a Xesús nin se lle ocorreu instituír un corpo ou estamento de “homes sagrados”.


Escribo esta breve nota o día 3 de decembro, festa de san Francisco Javier. Acabo de ler o Evanxeo que corresponde á misa de hoxe, o texto de Mt 9, 35-10, 1. 6-8. E recordei axiña o que o papa Francisco indicaba, hai poucos días: unha das cousas que máis dano fai á Igrexa é o clericalismo.

O Evanxeo afirma que Xesús, ao ver as pobres xentes de Galilea, “sentía compaixón”, dáballe pena. Porque aquelas xentes andaban e vivían “como ovellas que non teñen pastor”. Ao dicir isto, o Evanxeo non culpa a xente. Culpa os “pastores“, que, na linguaxe dos profetas da Biblia, eran os “sacerdotes”.

Pois ben, ao chegar a este punto,  resulta inevitable recordar a ameaza impresionante que o profeta Ezequiel lles ceiba (e lles segue ceibando) aos sacerdotes, aos de entón e aos de agora: “Voume a enfrontar cos pastores: reclamareilles as miñas ovellas, quitareinos de pastores das miñas ovellas, para que deixen de alindarse a si mesmos, os pastores” (Ez 34, 8-7. 10).

Xesús non fundou o clero. Nin fundou sacerdocio algún. Iso non consta en ningures, en todo o Novo Testamento. E moito menos, a Xesús nin se lle ocorreu instituír un corpo ou estamento de “homes sagrados”, unha especie de funcionarios “do santo”, que viven diso e con iso saen do anonimato dos homes correntes, para constituírse nunha “clase superior”. Xesús non pensou en nada disto.

O que Xesús quixo é “discípulos” que o seguen, é dicir, que viven como viviu Xesús. Dedicado a curar doenzas,  aliviar penas e sufrimentos,  acoller as xentes máis perdidas e extraviadas. Así naceu o “movemento de Xesús”. E así se expandiu polo Imperio. Ata que, progresivamente, a crecente importancia do clero e as súas cerimonias, os seus templos, as súas normas… desprazando o centro: do Evanxeo á Relixión.  Da compaixón polos que sofren, á observancia e á submisión á relixiosidade establecida.

E así, paulatinamente, insensiblemente, o discipulado evanxélico converteuse en carreira, en dignidade, en poder sagrado, en rango e xerarquía, en clero, co conseguinte perigo de derivar cara ao clericalismo. Xustamente, o que o papa Francisco lamentou recentemente. E aproveito a ocasión para insistir, unha vez máis, que os cánones da Sesión VII do concilio de Trento, sobre os sacramentos, non son definicións dogmáticas, vinculantes para a Fe católica. Porque os Pais do concilio non chegaron a poñerse de acordo sobre se o que condenaban ou prohibían eran “erros” ou “herexías” (cf. DH 1600).

Queixámonos da falta de clero, dos abusos de non poucos clérigos, dos privilexios que se lle conceden á Igrexa, da falta de exemplaridade de non poucos curas…. Todo iso pódese discutir. Todo iso débese precisar e axustar á realidade, para non difamar a tantas boas persoas, que, desde a súa vocación relixiosa, traballan polos demais. Isto é verdade. E hase de ter moi en conta.

Pero máis importante e máis urxente que todo o dito, é o feito de que, paulatinamente, progresivamente, o desprazamento, do “discipulado evanxélico” ao “clero eclesiástico”, foi – e segue sendo – a raíz e a causa da descomposición do proxecto orixinal de Xesús. O Evanxeo perdeu forza a costa do poder que alcanzou e segue exercendo o clero e, o que é peor, o clericalismo.

Mentres este problema non se afronte e se resolva, ata as súas últimas consecuencias, a Igrexa seguirá como se atopa agora mesmo: desprazada, nuns casos, e desorientada (sen saber que facer) en tantas ocasións. Os incesantes enfrontamentos (ou desacordos disimulados) de tantos clérigos co Papa actual son a proba máis patente de que este asunto é capital e decisivo para a Igrexa neste momento.

José María Castillo

Artigo orixinal: http://www.redescristianas.net/la-descomposicion-del-cristianismojose-m-castillo-teologo/

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Ás Furtadelas coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s