DOMINGO 8 DE XANEIRO. EPIFANÍA DO SEÑOR


A PALABRA. Mt 2, 1-12

Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando: «Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.» Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon: «En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta: E ti Belén, terra de Xudea, de ningún xeito es a máis pequena, entre as vilas de Xudea, que de ti ha saír o guía que será o pastor do meu pobo Israel.» Entón Herodes, ás agachadas, chamou aos magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles: «Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.» Eles, despois de oíren ao rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando até se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren saír de novo a estrela. E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño.

A CLAVE – Marisa de Corme

A Epifanía é o relato no que Xesús pasa do ámbito privado ao público, indo máis aló da parella formada por Xosé e María. Así é tamén no noso tempo: os embarazos teñen a súa principal repercusión na esfera do privado, o nacemento colócanos como persoas na Historia. Mateo fainos ver a Xesús nun momento concreto da historia, e non so nela, senón tamén no alto do Ceo, en Oriente, no pazo de Herodes…. E entrando na historia, Xesús dá que falar a sabios e poderosos.

Os magos (maila nos ser xudeus) recoñecen a Xesús como Mesías porque son quen de ver a súa estrela, o ronsel que deixa o seu paso pola historia. Non dubidan en deixar as súas cadeiras e sabios, en desacomodarse e apuntarse ao seguimento só pola ledicia que invade os seus corazóns cando o Reino se fai presente, cando a noticia do nacemento chega aos seus ouvidos. Herodes, e con el toda Xudea, sobresáltanse e non dan creto, pero non se conmoven, non se poñen en marcha, non experimentan gañas de mudar, de ser diferentes, de desacomodarse.

Na Epifanía, os magos volven ao sendeiro do Reino recoñecendo a Deus na alegría que enche os seus corazón cando de novo avistan a estrela. A proba palpable da presenza do Reino é a alegría que abrolla no corazón. Non quero deixar pasar a conexión desta alegría coa frase coa que Mateo pecha o seu Evanxeo: “asegúrovos que eu estarei sempre convosco, ata o fin do mundo”.

Que así sexa.

O Eco – J.A. Martínez

Unha vez escoitei dicir a alguén que, se non estivese grabado en televisión, hoxe faríannos crer que o intento do golpe de estado de Tejero non existiu. Isto de reinventar a historia, de rescribila, non é algo novo. Non sei se Mateu tiña isto en mente, mais iso de contar a historia a Boa Nova de Xesús, ía parecer un conto de vellas contado á luz do candil. Non sei se por iso insistiría que Xesús naceu en Belén de Xudea, nos tempos do rei Herodes.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s