DOMINGO 5 DE FEBREIRO. V do TEMPO ORDINARIO



A PALABRA – Mt 5, 13-16

Naquel tempo, dixo Xesús aos seus discípulos: «Vós sodes o sal da terra. Mais se o sal se volve insulso, con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente. Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz aos homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.»

A CLAVE  Marisa de Corme 

Ser sal, ser luz… Cantas veces entendín esta pasaxe como unha obriga!… Daquela só vía normas de conduta: non entendía nada!

Xesús fai unha afirmación obvia: somos sal e luz polo mero feito de ser, de estar no mundo. A nosa existencia está conectada coa do resto do planeta. Todo o que facemos ten que ver co coidado. Cada cousa que dicimos está afectando o noso entorno, a quen nos rodea.

Somos sal, somos luz, porque vivimos interconectados con todo e con todos. A nosa forma de ser, o que dicimos e facemos… e o que non, inciden nos demais. Ser cristián é facerse consciente desta realidade, é vernos e ver o mundo non desde o noso embigo (que nos cerra en nós mesmos) nin desde o espello (barreira natural da visión periférica) senón desde a mirada do que temos ao lado. Son as persoas que nos rodean as que nos dan medida do noso ser no mundo, e nós dámos medida a aquelas persoas que pasan ao noso lado. No paraíso, Adán é consciente do seu ser cando a mirada de Eva lle dá medida de si mesmo (cantas veces nos contaron este encontro cargándoo de erotismo, sen pensar que se trataba do primixenio recoñecemento do propio ser na mirada do outro).

Somos sal e luz. Non hai verdade máis fonda. Como o sal e a luz, é fundamental caer na conta das persoas e bichiños que, ao noso redor, senten o noso sabor e se guían pola nosa luz… É indispensable vivir sabendo que somos ante e para os demais.

O Eco – Christina

Benvida humildade

Xa estou vendo algún sorriso? Si! A ver que di esta da humildade porque polo que parece non ten nin idea. Se non, comprendería a grandeza de ser pequena, leiga, discreta…si, pode que me comprise ser mesmo invisible, muda e paralítica, quen sabe. Son unha gran consumidora de consellos e amoestacións humillizantes. Levo toda a vida, supoño que moitos e sobre todo moitas de vós, cosendo feridas deixadas por telas oído ou desoído. Non imaxino que quen nolas regale nos queira mal pero nada me autoriza, tampouco, a dar por sentada a pureza da súa intención… e tanto me ten. Sabes, o que para ti é humildade non ten que selo para min, deixa que escoite a miña propia voz, ela sabe quen son.

E non aprendo, non hai maneira, e teño bo mestre.

Ti chamáchesme filla e a túa filla é quen son.

Un días chamáchesme irmá e sentáchesme a teu carón, compartiches comigo o teu arrecendo. Non me mandaches para a cociña, lémbroo ben.

O sal é o que son, A luz é o que son. Cada vez que escoito “ti es…” todo en min da voltas procurando o son mais puro; a voz do Amor cando di o meu nome non minte. Non contén xuízo nin ameazas, so amor.

Todas as veces que leo “vós sodes”, “ti es”, boto a tremar, como a luz do candil… “que mandas hoxe?”

Irmás, e irmáns, non vos deixedes comer por falsas humildades, por obediencias indebidas que fan de nós insulso sal e luz agochada… apodrecida e perdida… inservible e inútil… para nós e para os demais. Termemos da luz da outra, do outro, limpemos o seu cristal porque só así haberá algo de claridade no mundo mais termemos na nosa propia. Deámoslle o nome santo que abrolla dentro de nós. Humildade e ser quen son, así, sen fachenda mais sen pelos na lingua.

E ti, como andas de salgado, salgada? Veña, contesta, dálle, a túa luz fai que medre a miña…

Advertisements
Estas entrada foi publicada en boa nova coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s